Concello da Estrada

Uncategorized @gl

O Principal celebrou a festa do deporte estradense recoñecendo aos mellores deportistas locais deste ano

O Principal celebrou a festa do deporte estradense recoñecendo aos mellores deportistas locais deste ano O Concello da Estrada celebrou a súa V Gala do Deporte recoñecendo o papel desempeñado polos deportistas e clubs locais durante este ano. David Vázquez foi galardoado co premio ao mellor deportista masculino. Vázquez foi campión galego de rallyes copilotando a Víctor Senra, sumando deste xeito o seu sexto campionato aos xa acadados nos anos 2016, xunto a Alberto Meira, e no 2017, 2018, 2019, 2020 e 2023, todos eles con Víctor Senra. Ademais, grazas á súa vitoria este ano iguala a Estrella Castrillón como o copiloto máis galardoado no campionato autonómico. Na categoría de mellor deportista feminina a premiada foi a xogadora de bádminton Raquel Miguens, quen neste 2023 se proclamou campioa de España senior 2023 na modalidade individual feminino logo de superar unha operación meses antes. O mellor deportista masculino sub 18 deste ano foi Samuel Tato, do Club Judo Base, quen durante o 2023 sumou os seguintes recoñecementos; campión Galego Cadete -60Kg; subcampión de España cadete -60 Kg. Tamén participou no Campionato de España Junior (Sub -21), na Fase Final como integrante da seleccion galega Junior, representou a España na European Cadet Cup Coímbra 2023 e foi terceiro clasificado Campionato de España Junior (Sub -21) Sector Oeste, sendo cadete. Pola súa parte, Iziar Barcala, xogadora do Club Bádminton A Estrada, foi a mellor deportista feminina sub 18. Barcala proclamouse durante este 2023 como campioa de España sub 17, campioa galega sub 19 en individual e dobres mixto, subcampioa nacional sub 17 co combinado galego no Campionato de España de Seleccions autonómicas. Tamén participou coa selección española no Campionato de Europa Sub 17 e chegou aos cuartos de final no torneo internacional de Bélxica. A data de 14 de novembro lideraba a clasificación nacional sub 17. Joel Castro, de Loita A Cambadela, foi proclamado como deportista revelación. O loitador participou no campionato galego celebrado en Pontevedra, onde resultou terceiro clasificado en loita libre masculina (48kg) e campión en 45 kg. Mesmo premio que acadou no Campionato de España sub17 celebrado en Carmona, Sevilla. Do mesmo xeito, acabou en cuarto posto coa selección española no campionato internacional de promesas sub17, celebrado no mes de abril en La Nucía, Alicante. Finalmente tamén rematou en segunda posición no Torneo Nacional “Villa de Madrid” sub15, na modalidade de 48 kg. O mellor club do deporte estradense no 2023 foi o Club Tenis RC, quen neste 2023 acadou os seguintes resultados nas súas diferentes categorías: – Absoluto Masculino A: Subcampión Primeira División e Ascenso a División de Prata– Absoluto Masculino B: Subcampión Segunda División e Ascenso a Primeira División– Absoluto Masculino C: Ascenso a Segunda División– Absoluto Feminino A: Terceiro en División de Prata e permanencia– Júnior Masculino: Subcampión galego Primeira División– Júnior Feminino: 5 clasificado galego (división de honra)– Cadete Masculino: Subcampión galego Primeira división– Cadete Feminino: Terceira de Galicia (división de honra)– Infantil Masculino: Subcampión Terceira División– Alevín Feminino: Subcampión Segunda División– Benxamín Masculino: Subcampión Terceira División Na modalidade do mellor club de base, o Club Tenis de Mesa Top Spin fíxose co galardón grazas ás súas 30 licenzas e á súa participación en diversas competicións, tanto nacionais como internacionais, acadando vitorias como as de Álvaro de la Torre no Torneo Internacional XIV concello de Oroso ou no Torneo Valongo, en Portugal. Estes bos resultados compleméntanse con diversos podios noutras competicións. Nos derradeiros anos o club avanzou no seu proxecto de base competindo en categorías senior con deportistasformados na súa canteira. O CNS cadete masculino foi recoñecido como o mellor equipo de 2023. Entre os méritos para recibir dito galardón figuran a cuarta posición de España na súa categoría e o bo papel desempeñado polos seus deportistas; Nicolas Baños; Andrés Carballeda; Iker Gómez; e Leonel Marín, medalla de ouro e campións de España en relevo 4×25 remolque de manequín. Pola súa parte, o Campionato Galego de Ximnasio de Trampolín foi elixido como o evento deportivo do ano. A cita, celebrada no mes de maio reuniu en torno ao Manuel Coto Ferreiro a máis de 200 deportistas para participar nunha das probas máis sinaladas nesta disciplina. O evento destacou pola súa vistosidade e pola presenza de ximnastas participantes no campionato do mundo celebrado na cidade inglesa de Birmingham. Miguel Sánchez, técnico do Club Tenis RC, proclamouse como mellor adestrador grazas aos fantásticos resultados obtidos pola entidade ao longo deste ano. A distinción á entidade con maior apoio ao deporte foi para Habita Inmobiliaria/ Helvetia Seguros, patrocinador principal do A Estrada Futsal e da Sociedade Cabalar Estradense así como eventos deportivos puntuais e deportistas como o piloto estradense de motos Javi Campos quen tomará parte no Dakar. Logo da entrega de premios tivo lugar as mencións honoríficas, estruturadas en un recoñemento para unha figura representativa do pasado que nesta edición foron parar a Toño Rivas, xogador histórico do Estradense e fiel seareiro do conxunto vermello e todo o deporte estradense, do presente, para Uxía Rodríguez Nebra, primeira galega en formar parte dun paddock de Moto3 co equipo Angelus MTA Team, e do futuro, para a parella de baile deportivo conformada por Aixa Otero e Adrián Gañete. Finalmente, o premio á traxectoria recaeu no doutor Juan José Cota, estradense de nacemento na actualidade desenvolve a súa actividade do Real Club Celta de Vigo, onde é responsable dos servizos médicos. No seu currículo sobresaen as Eurocopas de 2008 e de 2012 e o Mundial de Sudáfrica 2010 coa selección española de fútbol.

Unidade móbil – Doazón sangue

Unidade móbil – Doazón sangue O venres 29 de decembro das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas e o sábado 30 de decembro das 10:00 ás 15:00 horas na Praza do Concello. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e distribución. Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade, e a súa colaboración é fundamental. No seguinte código QR encontrará información sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar:

Programación semanal

Programación semanal – Teatro Principal Gala do Deporte da Estrada o martes 19 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal.     Concerto de Nadal da Escola da Banda o mércores 20 de decembro no Teatro Principal ás 19:00h.     Concerto de Nadal – Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso DÍA: venres 22 de decembro HORA: 21.00 h LUGAR: Teatro Principal da Estrada XÉNERO: jazz, funk, soul CATALOGACIÓN: TODOS OS PÚBLICOS DURACIÓN: 80 min ENTRADA: De balde (recollida de convites no Dpto. Cultura do Concello da Estrada) SINOPSE: Como xa é habitual, os membros do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso despiden o ano cunha selección de pezas extraídas do repertorio clásico do jazz fusion, gospel, funk e soul. Un concerto que interpretará unha representación de alumnos do colectivo dirixido por Rubén Servide.   Concerto de Fin de Ano da Coral Polifónica Estradense DÍA: sábado 23 de decembro HORA: 20.30 h LUGAR: Teatro Principal da Estrada XÉNERO: música coral CATALOGACIÓN: TODOS OS PÚBLICOS DURACIÓN: 60 min ENTRADA: De balde (ata completar a capacidade da sala) SINOPSE: Como xa é habitual, a Coral Polifónica Estradense na compaña da Coral Polifónica de Soutomaior arroupadas por un acompañamento de piano e baixo, despedirán o ano musical na vila co seu tradicional concerto de nadal. Un concerto centrado na zarzuela, na música popular e nas panxoliñas que será dirixido por Xabier Comesanha.  

O Teatro Principal honrou a poesía con recitais e a entrega do premio Avelina Valladares

O Teatro Principal honrou a poesía con recitais e a entrega do premio Avelina Valladares O Teatro Principal acolleu a celebración da XVII Festa da Poesía, nun acto que incluíu tanto a entrega do XXVII premio de poesía Avelina Valladares como un recital poético por conta de estudantes de diferentes centros de ensinanza. O escritor noiés, Manuel López Rodríguez recibiu de man do edil de Cultura, Juan Constenla, o que é xa o seu terceiro galardón consecutivo neste certame. O seu poemario ‘Fíotaxidermista’ foi seleccionada como a gañadora da presente edición grazas ao seu “realismo cromático, clasicismo do íntimo e cotiá e o hopperismo”. O alumnado de diferentes centros de ensino enriqueceu o acto recitando obras poéticas dalgúns dos autores e autoras máis sobranceiras deste xénero literario. A cita segue consolidándose como un dos eventos literarios máis sinalados no municipio, sumando en cada edición un maior número de asistentes e participantes.

Actividade de piscina para persoas maiores primeira quenda 2024

Actividade de piscina para persoas maiores primeira quenda 2024 PRAZO DE INSCRICIÓNDende o 18/12/2023 ata o 22/12/2023 (Ambos incluídos) REQUISITOS PARA PARTICIPAREstar empadroado/a no Concello da Estrada e ser maior de 50 anosO critrerio de selección de participantes establecerase por número de rexistro de entrada LUGAR DE PRESENTACIÓN DA SOLICITUDEDepartamento de Servizos Sociais en horario de 9:00 a 14:00 ou a través da sede electrónica do Concello da Estrada DATAS DA ACTIVIDADEDende o 15/01/2024 ata 31/03/2024 HORARIOS / GRUPOS Luns de 09:15h a 10:00h Luns de 16:30h a 17:15h Luns de 19.30h a 20.15h Mércores de 09:15h a 10:00h Venres de 09:00h a 09:45h  Venres de 09:45h a 10:30h Nº DE ALUMNOS POR SESIÓNMínimo 7 alumnos/sesión e máximo 12 alumnos/sesión DOCUMENTACIÓN QUE DEBE ACOMPAÑAR A SOLICITUDE CERTIFICADO DE DISCAPACIDADE SE FOSE O CASO Descargar solicitude.  

A Estrada acollerá a concentración da selección española de voleibol sub-17 como antesala dos vindeiros compromisos internacionais

A Estrada acollerá a concentración da selección española de voleibol sub-17 como antesala dos vindeiros compromisos internacionais O Concello da Estrada reafirma a súa posición como referente deportivo autonómico coa acollida das concentracións dos combinados nacionais sub-17, tanto masculino como feminino, de voleibol. O alcalde, José López Campos, e o director técnico da Federación Galega de Voleibol e técnico da Selección Española Sub-17 feminina, Juan Carlos Suárez, foron os responsables de presentar esta mañá a concentración que ambos conxuntos realizarán na Estrada.A selección masculina Sub-17 reunirase do 17 ao 23 de decembro para un período de concentración no municipio estradense, sumándose o combinado de Portugal, co cal se enfrontarán en amigables programado para os días 20 e 21 ás 18:00 horas e o 22, ás 10:30 horas, todos eles no Manuel Coto Ferreiro. Mentres tanto, a selección feminina Sub-17 concentrarase do 23 de decembro ata o 2 de xaneiro, e disputará un encontro contra a selección de Francia o xoves 28 de decembro ás 18:00 horas no pavillón Manuel Coto Ferreiro. Esta concentración servirá de preparación para o Torneo WEVZA da súa categoría que terá lugar do 2 ao 8 de xaneiro en Herentals, Bélxica, previo o Campionato de Europa da categoría. Durante este período, os xogadores e xogadoras integrantes da expedición aloxaranse nas instalacións de AGASP e realizarán as súas sesións de adestramento no pavillón Manuel Coto Ferreiro, en baseo convenio do Concello da Estrada coas federacións deportivas. A entrada para todos os encontros programados será libre e gratuíta, buscándose con esta medida, promover a participación e o apoio da veciñanza, achegándolle a todas as persoas que desexen acudir deporte base de elite cunha nutrida participación de deportistas galegos.

A Estrada e a Federación Galega de Pádel asinan un convenio para promocionar este deporte na localidade

A Estrada e a Federación Galega de Pádel asinan un convenio para promocionar este deporte na localidade O Concello da Estrada e a Federación Galega de Pádel asinaron hoxe un convenio individual a través do cal se mellorará o e facilitará o desenvolvemento deportivo e se buscará incentivar a práctica desta modalidade deportiva no municipio. O rexedor, José López, e o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado, selaron o acordo co que se promocionará unha modalidade deportiva en auxe que cada vez suma máis adeptos. Deste xeito, e conforme ao asinado, o Concello da Estrada, durante a duración do convenio, cederá o uso das instalacións necesarias, de xeito gratuíto, para os eventos e actividades que a Federación organice na localidade, dentro do programa de tecnificación de xogadores, árbitros, oficiais de mesa e persoal federativo. Pola súa parte, a Federación organizará na Estrada de xeito anual, como mínimo, unha Fase Final autonómica de calquera categoría federada, ou un encontro promocional cumprindo con protocolos vixentes. Ademais, tamén colaborará naqueles actos ou eventos de promoción deportiva orientados aos clubs locais ou as Escolas Deportivas Municipais, programados pola área de Deportes, e aportará material común para as Escolas Deportivas Municipais por acordo de ambas partes. Na actualidade, o Concello da Estrada xa ten asinados convenios coas federacións autonómicas de Bádminton, Baloncesto, Balonmán, Fútbol, Rugby e Voleibol, e en base aos mesmos, esta pasada semana, estiveron traballando nas instalacións municipais, as federacións autonómicas de baloncesto, balonmán e rugby, con ao redor de 200 deportistas.

ANUNCIO da aprobación inicial do Estudo de Detalle para parcelas residenciais do ámbito SUD-R06-Avenida de Marín

ANUNCIO da aprobación inicial do Estudo de Detalle para parcelas residenciais do ámbito SUD-R06-Avenida de Marín A Xunta de Goberno Local, na súa sesión de data 13.11.2023, adoptou, entre outros, o acordo de aprobar inicialmente o documento do Estudo de Detalle para parcelas residenciais do ámbito SUD-R06-Avda. de Marín, redactado e asinado dixitalmente polo arquitecto, D. Alejandro Trigo Castro, en data 25.10.2023 (sen visado colexial). Este acordo determina a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de parcelación de terreos, edificación e demolición no ámbito do territorio obxecto do mesmo no caso en que as novas determinacións do mesmo supuxesen a modificación da ordenación urbanística vixente. Descargar anuncio completo.

El Búho en concerto

El Búho en concerto DÍA: venres 15 de decembro HORA: 21.00 h LUGAR: Teatro Principal da Estrada XÉNERO: concerto de pop-rock CATALOGACIÓN: TODOS OS PÚBLICOS LINGUA: Castelá DURACIÓN: 75 min ENTRADA: 3,00€ (venda anticipada no Dpto. Cultura do Concello da Estrada) SINOPSE: Os estradenses Héctor Martínez (cantante e teclista) e Rubén Abel (guitarra), acompañados polo batería Bruno Couceiro e o baixista Ale Cambón visitan a vila dentro da xira na que están a presentar as cancións do seu primeiro disco. Un disco gravado polo produtor Juan de Dios Martin en Los Ángeles (USA) e masterizado por Felipe Tichauer (Luis Fonsi, Christina Aguilera…) Unha das bandas emerxentes máis importantes do panorama musical galego.

O Principal acollerá a entrega do XXVII premio de poesía Avelina Valladares a Manuel López na XVII Festa da Poesía

O Principal acollerá a entrega do XXVII premio de poesía Avelina Valladares a Manuel López na XVII Festa da Poesía O Concello da Estrada celebrará este xoves, 14 de decembro, a XVII Festa da Poesía coa entrega do XXVII premio de poesía ‘Avelina Valladares’ a Manuel López Rodríguez. O noiés revalida este galardón por terceiro ano consecutivo grazas ao seupoemario ‘Fíotaxidermista’, do cal o xurado destacou no momento da deliberación destacou “o seu realismo cromático, clasicismo do íntimo e cotiá e o hopperismo”. Tamén se indica que “no seu simbolismo metafórico atopamos unha acentuación atinada”. Do mesmo xeito, destacaron que “utiliza o recurso de falla de artigo” e fan fincapé na derradeira, que se presenta “como un poema resumo, no que a percepción xeral de todo o poemario é o misterio como estratexia poética”. O acto, programado para as 20:30 horas no Teatro Principal será de acceso libre para todas as persoas que desexen asistir.

Scroll ao inicio
Skip to content