Concello da Estrada

A Estrada e a Federación Galega de Pádel asinan un convenio para promocionar este deporte na localidade

O Concello da Estrada e a Federación Galega de Pádel asinaron hoxe un convenio individual a través do cal se mellorará o e facilitará o desenvolvemento deportivo e se buscará incentivar a práctica desta modalidade deportiva no municipio.

O rexedor, José López, e o presidente da Federación Galega de Pádel, Manuel Fernández Prado, selaron o acordo co que se promocionará unha modalidade deportiva en auxe que cada vez suma máis adeptos.

Deste xeito, e conforme ao asinado, o Concello da Estrada, durante a duración do convenio, cederá o uso das instalacións necesarias, de xeito gratuíto, para os eventos e actividades que a Federación organice na localidade, dentro do programa de tecnificación de xogadores, árbitros, oficiais de mesa e persoal federativo.

Pola súa parte, a Federación organizará na Estrada de xeito anual, como mínimo, unha Fase Final autonómica de calquera categoría federada, ou un encontro promocional cumprindo con protocolos vixentes. Ademais, tamén colaborará naqueles actos ou eventos de promoción deportiva orientados aos clubs locais ou as Escolas Deportivas Municipais, programados pola área de Deportes, e aportará material común para as Escolas Deportivas Municipais por acordo de ambas partes.

Na actualidade, o Concello da Estrada xa ten asinados convenios coas federacións autonómicas de Bádminton, Baloncesto, Balonmán, Fútbol, Rugby e Voleibol, e en base aos mesmos, esta pasada semana, estiveron traballando nas instalacións municipais, as federacións autonómicas de baloncesto, balonmán e rugby, con ao redor de 200 deportistas.

Scroll ao inicio
Skip to content