Concello da Estrada

Trámites

Proxectos NextGenerationEU

 

Transformación dixital e modernización das Administracións das Entidades Locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.


Mediante o Acordo do 27 de abril de 2021, o Consello de Ministros aprobou o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), que incorpora unha importante axenda de investimentos e reformas estruturais. Para iso, o citado Plan estrutúrase en catro eixos dedicados á transición ecolóxica, transformación dixital, cohesión social e territorial e igualdade de xénero, que á súa vez orientan dez políticas panca e trinta compoñentes. A cuarta política panca é unha Administración para o século XXI, que persegue unha modernización da Administración coa fin de responder ás necesidades da cidadanía e a economía en todo o territorio. O Compoñente 11, cifra como obxectivos estratéxicos a dixitalización e modernización das administracións públicas, a transición enerxética e o reforzo das capacidades administrativas.
O investimento 3 deste compoñente está dirixido á transformación dixital e modernización das distintas administracións públicas a través do cumprimento dos fitos 167 e 169 e do obxectivo 168 do PRTR e dispón dun financiamento que ascende a 1.000 millóns de euros no período 2021-2023 Desta cantidade destinaranse, ao longo do período 2021-2023, 391,4 millóns de euros ás entidades locais.
Neste marco, publicouse a Orde TER/836/2022, do 29 de agosto, do Ministerio de Política territorial, pola que se aproban as bases reguladoras e efectúase a convocatoria correspondente a 2022, de subvencións destinadas á transformación dixital e modernización das Administracións das Entidades Locais, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Ao amparo desta orde, o Concello da Estrada resultou beneficiario dunha subvención para acometer as seguintes actuacións:

  • Provisión de equipamento e infraestruturas para a modernización e eficiencia dos procesos de traballo, que inclúe 3 proxectos, independentes e diferenciados, por un importe total de 54.185,01€, dentro da liña estratéxica 4. Infraestruturas dixitais,
  • Integración do estado de expedientes abertos con Carpeta Ciudadana do sector público estatal, por un importe de 75.198,92€ dentro da liña estratéxica 5. Interoperabilidade de servizos básicos de administración dixital.

Segundo establece a convocatoria, a finalidade da liña estratéxica 4 é dotar ás administracións locais das infraestruturas tecnolóxicas necesarias para a súa modernización, co fin de asegurar a dispoñibilidade en calquera circunstancia e de adaptar a capacidade dispoñible ás necesidades existentes en cada momento, contribuíndo a desenvolver a conectividade dixital, a economía do dato e a intelixencia artificial nas administracións. Mentres que a liña estratéxica 5 persegue garantir a interoperabilidade dun conxunto mínimo de servizos básicos de administración dixital (rexistro electrónico, notificacións electrónicas, facturación electrónica e integración de expedientes abertos e Carpeta Ciudadana do sector público estatal).

Con estas actuacións, o Concello da Estrada pretende avanzar na senda de dixitalización da súa administración, incorporando aos tres servizos xa implantados (rexistro electrónico, notificacións electrónicas, facturación electrónica), a integración do estado de expedientes abertos con Carpeta Ciudadana do sector público estatal. Así mesmo, permitirase unha simplificación e modernización na xestión das reunións, cunha mellora na eficiencia dos procedementos administrativos asociados, unha maior transparencia ao poder retransmitirse eventos municipais, unha maior seguridade e capacidade de soportar servizos municipais nas instalacións deportivas, e a dotación dos empregados públicos de ferramentas e equipos de traballo de última xeración que permitan a mellora e eficacia no seu traballo.

Ambas as liñas atópanse en execución e espérase que estean completamente operativas o 30 de abril de 2024.
Para consultar a resolución prema aquí.

Dotación de bibliotecas

 

No ano 2022, a Biblioteca Municipal da Estrada incorporou varias obras ao seu catálogo financiadas a través das axudas a entidades locais de Galicia titulares de bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia. Estas axudas executáronse ao abeiro do Compoñente 24 (C24), Revalorización da industria cultural, do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Unión Europea-NextGenerationEU. O dito compoñente recolle reformas e investimentos orientados a fortalecer a cadea de valor das industrias culturais españolas. Dentro deste, atópanse diversos proxectos que executaron as comunidades autónomas, tras as transferencias dos pertinentes fondos durante os anos 2021 e 2022.

Entre os investimentos, figura o proxecto C24.I2.P04, Dotación de bibliotecas, que corresponde ao Obxectivo CID 358: Compras de libros para bibliotecas. A finalidade é garantir á poboación un acceso libre e gratuíto ao coñecemento e á cultura, independentemente do seu lugar de residencia ou a súa condición. Nese sentido, a Consellería de Cultura, Educación e Universidades da Xunta de Galicia convocou estas axudas mediante a Orde do 31 de outubro 2021, publicada no DOG núm.24 do 4 de febreiro de 2022.

En consecuencia, a Biblioteca Municipal da Estrada recibiu unha cantidade de 3.949,25 € dentro do marco do mencionado programa B, a cal foi destinada á compra de obras en formato físico, maioritariamente en librerías locais, seguindo as recomendacións especificadas nas bases reguladoras. Esta axuda serviu para que a biblioteca adquirise un total de 252 obras que contribuíron a enriquecer e diversificar o fondo, e así, mellorar os servizos de préstamo a domicilio e de consulta dos materiais nas salas da biblioteca. Todas as obras adquiridas foron procesadas e incorporadas ao catálogo da biblioteca nese mesmo ano. A mencionada subvención destinouse á adquisición de obras diversas: narrativa clásica e contemporánea, álbums ilustrados para a sala infantil, literatura xuvenil, obras de divulgación, etc.

Para consultar a resolución prema aquí.

 

PROXECTO: “UN CÓMICO NA ALDEA”

21 Novembro 2022

O pasado 3 de maio, publicáronse no DOG as bases reguladoras e convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación y resiliencia del Reglamento (UE) 2021/241 para o ano 2022.

O compoñente 24 “Revalorización de la industria cultural” do PRTR, recolle reformas e investimentos orientados a fortalecer a cadea de valor das industrias culturais españolas promovendo tres eixos estratéxicos: a competitividade, a dinamización e cohexión do territorio, e a dixitalización e sostibilidade dos grandes servizos culturais. En concreto, o investimento I2: “Dinamización de la cultura a lo largo del territorio” inclúe actuacións para proxectos de axudas para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas.

Neste senso, o Concello da Estrada presentou un proxecto “Un cómico na aldea” cuxa finalidade é iniciar un proceso de distribución cultural polo rural estradense, estimulando a convivencia comunitaria, achegando o feito cultural ás nosas aldeas e revitalizando os locais sociais das distintas parroquias con procesos culturais de carácter contemporáneo.

O dito proxecto foi beneficiario dunha subvención cuxa resolución se adxunta a continuación, e desenvólvese en dúas anualidades 2022 e 2023. Trátase dun proxecto multidisciplinar cun total de 40 iniciativas artísticas que abranguen desde o novo circo, ata a narrración oral, pasando pola maxia, o mimo e o teatro, segundo a programación anunciada no apartado de Cultura da páxina web municipal, seguindo este enlace:

https://aestrada.gal/programacion-fondos-plan-de-recuperacion-transformacion-e-resiliencia/

Para consultar a resolución prema aquí.

Scroll ao inicio
Skip to content