O Concello da Estrada celebrou a súa V Gala do Deporte recoñecendo o papel desempeñado polos deportistas e clubs locais durante este ano.
David Vázquez foi galardoado co premio ao mellor deportista masculino. Vázquez foi campión galego de rallyes copilotando a Víctor Senra, sumando deste xeito o seu sexto campionato aos xa acadados nos anos 2016, xunto a Alberto Meira, e no 2017, 2018, 2019, 2020 e 2023, todos eles con Víctor Senra. Ademais, grazas á súa vitoria este ano iguala a Estrella Castrillón como o copiloto máis galardoado no campionato autonómico.
Na categoría de mellor deportista feminina a premiada foi a xogadora de bádminton Raquel Miguens, quen neste 2023 se proclamou campioa de España senior 2023 na modalidade individual feminino logo de superar unha operación meses antes.
O mellor deportista masculino sub 18 deste ano foi Samuel Tato, do Club Judo Base, quen durante o 2023 sumou os seguintes recoñecementos; campión Galego Cadete -60Kg; subcampión de España cadete -60 Kg. Tamén participou no Campionato de España Junior (Sub -21), na Fase Final como integrante da seleccion galega Junior, representou a España na European Cadet Cup Coímbra 2023 e foi terceiro clasificado Campionato de España Junior (Sub -21) Sector Oeste, sendo cadete.
Pola súa parte, Iziar Barcala, xogadora do Club Bádminton A Estrada, foi a mellor deportista feminina sub 18. Barcala proclamouse durante este 2023 como campioa de España sub 17, campioa galega sub 19 en individual e dobres mixto, subcampioa nacional sub 17 co combinado galego no Campionato de España de Seleccions autonómicas. Tamén participou coa selección española no Campionato de Europa Sub 17 e chegou aos cuartos de final no torneo internacional de Bélxica. A data de 14 de novembro lideraba a clasificación nacional sub 17.
Joel Castro, de Loita A Cambadela, foi proclamado como deportista revelación. O loitador participou no campionato galego celebrado en Pontevedra, onde resultou terceiro clasificado en loita libre masculina (48kg) e campión en 45 kg. Mesmo premio que acadou no Campionato de España sub17 celebrado en Carmona, Sevilla. Do mesmo xeito, acabou en cuarto posto coa selección española no campionato internacional de promesas sub17, celebrado no mes de abril en La Nucía, Alicante. Finalmente tamén rematou en segunda posición no Torneo Nacional “Villa de Madrid” sub15, na modalidade de 48 kg.
O mellor club do deporte estradense no 2023 foi o Club Tenis RC, quen neste 2023 acadou os seguintes resultados nas súas diferentes categorías:
– Absoluto Masculino A: Subcampión Primeira División e Ascenso a División de Prata
– Absoluto Masculino B: Subcampión Segunda División e Ascenso a Primeira División
– Absoluto Masculino C: Ascenso a Segunda División
– Absoluto Feminino A: Terceiro en División de Prata e permanencia
– Júnior Masculino: Subcampión galego Primeira División
– Júnior Feminino: 5 clasificado galego (división de honra)
– Cadete Masculino: Subcampión galego Primeira división
– Cadete Feminino: Terceira de Galicia (división de honra)
– Infantil Masculino: Subcampión Terceira División
– Alevín Feminino: Subcampión Segunda División
– Benxamín Masculino: Subcampión Terceira División
Na modalidade do mellor club de base, o Club Tenis de Mesa Top Spin fíxose co galardón grazas ás súas 30 licenzas e á súa participación en diversas competicións, tanto nacionais como internacionais, acadando vitorias como as de Álvaro de la Torre no Torneo Internacional XIV concello de Oroso ou no Torneo Valongo, en Portugal. Estes bos resultados compleméntanse con diversos podios noutras competicións. Nos derradeiros anos o club avanzou no seu proxecto de base competindo en categorías senior con deportistas
formados na súa canteira.
O CNS cadete masculino foi recoñecido como o mellor equipo de 2023. Entre os méritos para recibir dito galardón figuran a cuarta posición de España na súa categoría e o bo papel desempeñado polos seus deportistas; Nicolas Baños; Andrés Carballeda; Iker Gómez; e Leonel Marín, medalla de ouro e campións de España en relevo 4×25 remolque de manequín.
Pola súa parte, o Campionato Galego de Ximnasio de Trampolín foi elixido como o evento deportivo do ano. A cita, celebrada no mes de maio reuniu en torno ao Manuel Coto Ferreiro a máis de 200 deportistas para participar nunha das probas máis sinaladas nesta disciplina. O evento destacou pola súa vistosidade e pola presenza de ximnastas participantes no campionato do mundo celebrado na cidade inglesa de Birmingham.
Miguel Sánchez, técnico do Club Tenis RC, proclamouse como mellor adestrador grazas aos fantásticos resultados obtidos pola entidade ao longo deste ano.
A distinción á entidade con maior apoio ao deporte foi para Habita Inmobiliaria/ Helvetia Seguros, patrocinador principal do A Estrada Futsal e da Sociedade Cabalar Estradense así como eventos deportivos puntuais e deportistas como o piloto estradense de motos Javi Campos quen tomará parte no Dakar.
Logo da entrega de premios tivo lugar as mencións honoríficas, estruturadas en un recoñemento para unha figura representativa do pasado que nesta edición foron parar a Toño Rivas, xogador histórico do Estradense e fiel seareiro do conxunto vermello e todo o deporte estradense, do presente, para Uxía Rodríguez Nebra, primeira galega en formar parte dun paddock de Moto3 co equipo Angelus MTA Team, e do futuro, para a parella de baile deportivo conformada por Aixa Otero e Adrián Gañete.
Finalmente, o premio á traxectoria recaeu no doutor Juan José Cota, estradense de nacemento na actualidade desenvolve a súa actividade do Real Club Celta de Vigo, onde é responsable dos servizos médicos. No seu currículo sobresaen as Eurocopas de 2008 e de 2012 e o Mundial de Sudáfrica 2010 coa selección española de fútbol.