Concello da Estrada

Uncategorized @gl

Aurora Loureiro Baluja, recoñecida co ‘XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres do Concello da Estrada’

Aurora Loureiro Baluja, recoñecida co ‘XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres do Concello da Estrada’ O xurado deliberou por unanimidade a concesión deste galardón á veciña de Matalobos. Con este distintivo recoñécese o valor do seu traballo “nun mundo de homes” dado que desenvolveu gran parte da súa traxectoria vital nunha taberna do rural ao mesmo tempo que era o piar do núcleo familiar. O Concello da Estrada concedeulle o XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres a Aurora Loureiro Baluja, natural de Toedo e veciña de Matalobos, polo seu exemplo vital ao desenvolverse profesionalmente nun eido tan tradicionalmente masculinizado como unha taberna no rural ao mesmo tempo que actuaba como piar familiar. A candidatura de Aurora, proposta pola asociación veciñal de Santa Eulalia de Matalobos e Jesús Janeiro Villaverde, alcalde de barrio da parroquia, foi escollida onte por unanimidade polo xurado responsable da concesión deste distintivo. O tribunal valorou o mérito do seu traballo nun “mundo de homes” como é unha taberna do rural, así como a súa valía e fortaleza para sacar adiante tanto un negocio como unha familia que continúa vixente a día de hoxe. Unha muller que conta co apoio da súa veciñanza do mesmo xeito que ela sempre axudou en todo o que puido a quen o precisara. A entrega do premio levarase a cabo o vindeiro 8 de marzo nun acto público programado para as 20:00 horas no MOME. Aurora Loureiro Baluja, exemplo de innovación e empoderamento Nada no 1936 na parroquia de Toedo, Aurora casou con 22 anos e trasladouse a Matalobos onde traballou nunha taberna moi concorrida pola veciñanza de diversos núcleos do rural. Logo de quedar viúva ao pouco de inaugurar o negocio, Aurora púxose ao fronte tanto da taberna como dos seus 3 fillos. Aos 34 anos acada o carné de conducir o que lle permite facer entregas a domicilio e do mesmo xeito, amplía a oferta do seu establecemento servindo comidas de diario. Na actualidade a taberna segue en funcionamento, e serve de punto de encontro para moitas persoas de rural que se reúnen para pasar o seu tempo de lecer. Ademais, o enclave é un importante atractivo social dado que alí tamén se realizan actividades como a inscrición para as excursións parroquiais ou a venda de boletos para a festa dos callos, evento do cal foi unha pioneira e unha das súas principais defensoras. Por todo isto, Aurora supón un exemplo non só de empoderamento ao ser quen de afrontar a súa actividade profesional nun contexto e nun ámbito tan masculinizado ao mesmo tempo que sacou adiante aos seus fillos, senón tamén desenvolve unha enorme labor social grazas ao seu establecemento.  

Actividade de ximnasia para persoas sordas

Actividade de ximnasia para persoas sordas A actividade vai dirixida a persoas con discapacidade auditiva e que estén empadroadas no municipio. PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES Do 4 ao 11 de marzo (ambos incluídos) LUGAR DE PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE Departamento de Servizos Sociais en horario de 9:00 a 14:00 ou a través da sede electrónica do Concello da Estrada. COMEZO DA ACTIVIDADE E HORARIO A actividade comezará o 15 de marzo e rematará o 20 de decembro. (agás os meses de xullo e agosto)Realizarase un día á semana, os venres, en horario de 10:00 a 11:00 DOCUMENTACIÓN QUE DEBE ACOMPAÑAR Á SOLICITUDE Fotocopia do DNI do participante Fotocopia do certificado de discapacidade (As persoas participantes no ano anterior que xa tivesen presentada a documentación, non terán que presentala novamente) Descargar ficha inscrición.    

A Estrada suma forzas de cara ao 8 de marzo para reivindicar e poñer en valor o papel das mulleres na sociedade

A Estrada suma forzas de cara ao 8 de marzo para reivindicar e poñer en valor o papel das mulleres na sociedade O Concello da Estrada suma forzas nunha soa voz para reivindicar de cara a conmemoración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller o seu compromiso pola defensa e o apoio á igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo, así como o compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres. O escrito, apoiado polo Partido Popular, o PSOE e MÓVETE, artéllase en torno a seis eixos nos que se insta a todos os axentes sociais á aplicación dos principios de igualdade; tamén se destaca o “inestimable e imprescindible” valor da muller no desenvolvemento e se avoga pola súa visibilidade; outro dos puntos que incorpora o documento é a denuncia á desigualdade cara ás mulleres en situación de vulnerabilidade, especialmente no ámbito laboral, e o compromiso das agrupacións que participan neste manifesto de empregarse activamente para a súa corrección; do mesmo xeito, maniféstase o compromiso pola aplicación de todas as medidas posibles e reclámase a dotación apropiada para tal fin segundo a lexislación vixente a todas as administracións competentes nesta materia; finalmente os grupos fan fincapé na obrigatoriedade de coordinar e sumar as máximas sinerxías posibles na busca da igualdade, aumentando os esforzos e medios, dando prioridade a dito obxectivo e comprometéndose a aportar e impulsar este proceder dentro das súas posibilidades. A moción, promovida co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, nace co firme compromiso de continuar avanzando cara a igualdade, o que supón seguir planificando accións que dean continuidade ao traballo previo, incidindo na información nos diversos eidos sociais ,dende a educación nos centros de ensino ata os distintos colectivos e asociacións civís , dado que tanto o seu compromiso como apoio é fundamental para estender e implantar políticas de igualdade na nosa sociedade. Na comisión informativa tamén se aprobou de novo o inicio do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar para o 2024 cun importe de 1.406.000 euros, un proceso realizado novamente tras a entrada en vigor das táboas salariais para o presente ano. A modificación responde a unha mellora das condicións salariais do equipo de traballo deste servizo, polo que coa finalidade de axustarse a esta nova realidade e dando resposta ao establecido, o goberno local levou a cabo un estudo económico complementario ao xa existente, considerando estas novas táboas salariais, e do resultado obtido detectouse a necesidade de efectuar unha modificación no orzamento inicialmente contemplado, así como no prezo por hora. Polo tanto, esta nova aprobación inicial non incide especialmente na tramitación do expediente, xa que se estivo avanzando nos pregos técnicos, os cales xa están elaborados, así como nos pregos administrativos que xa se están a perfilar, polo que conforme ás previsións, nas vindeiras semanas estará a documentación ultimada para poder continuar cos seguintes procesos na tramitación do expediente de contratación deste servizo.

A Estrada acollerá o 21 de marzo a estrea da obra de teatro ‘Go Home’ coas entradas a un prezo reducido

A Estrada acollerá o 21 de marzo a estrea da obra de teatro ‘Go Home’ coas entradas a un prezo reducido • A obra, dirixida por Tito Asorey e que conta cun elenco integrado por artistas como David Amor ou Josito Porto, estrearase no Principal o 21 de marzo ás 20:30 horas. • Hoxe tivo lugar a presentación da función, cuxas entradas xa están á venta por un prezo de sete euros, tanto en ataquilla.com como no departamento de Cultura do Concello. A veciñanza estradense terá o privilexio de ser a primeira en poder gozar de ‘Go Home’, a comedia teatral producida por David Amor e dirixida por Tito Asorey. A función, que chegará ao Teatro Principal o vindeiro 21 de marzo ás 20.30 horas, foi presentada esta mañá nun acto no que o edil de Cultura, Juan Constenla, estivo acompañado polo director, Tito Asorey, os intérpretes, David Amor e Josito Porto, e por Melania Cruz, que se desenvolveu como axudante de dirección. Durante a súa intervención, o responsable da área de Cultura, agradeceu o traballo desenvolto por todo o equipo responsable da obra e fixo un convite “tanto á veciñanza estradense como á de toda a contorna para gozar dunha obra que supón unha exaltación ao teatro”. Pola súa parte, David Amor, intérprete e produtor, puxo en valor “o gran traballo levado a cabo en materia cultural polo Concello da Estrada, motivo polo cal decidimos realizar a estrea aquí e non nunha gran cidade como se adoita facer”. O director, Tito Asorey, adiantou a trama de ‘Go Home’, unha comedia negra construída sobre un texto de José Prieto con tintes de crítica social que trata a masificación do turismo como unha dialéctica na que os beneficios económicos confrontan coa perda de identidade. As persoas que desexen acudir á estrea xa poden facerse coas súas entradas en ataquilla.com ou no departamento de Cultura por un prezo de sete euros, un importe reducido en comparación ao do resto de representacións da xira.

A Estrada honra a Rosalía de Castro coa lectura de poemas e a presentación dun vídeo coa música da Banda da Loba

A Estrada honra a Rosalía de Castro coa lectura de poemas e a presentación dun vídeo coa música da Banda da Loba A xornada incluíu a lectura de poemas e a presentación dun vídeo institucional elaborado sobre o poema ‘Un pelouro que roda’. O Concello da Estrada celebrou unha xornada de homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do 187 aniversario do seu nacemento. O Teatro Principal foi o escenario escollido para levar a cabo as actividades coas que pór en valor a unha das figuras centrais para as letras e a cultura galega. A xornada vespertina deu comezo coa lectura de poemas por parte do alumnado dos centros educativos locais. A continuación, foi presentado un vídeo institucional centrado no poema ‘Un pelouro que roda’, autoría da poetisa de Padrón. A composición foi musicada e gravada pola agrupación ‘A Banda Loba’, xunto a diversos grupos de cativas e cativos que sumaron o seu gran de area na confección dun videoclip para o mesmo. A dirección do vídeo foi responsabilidade do realizador estradense Lucas Terceiro. Na xornada participaron integrantes da agrupación musical responsable de poñerlle música ao vídeo, deleitando ao público congregado no Teatro Principal cunha interpretación. https://www.youtube.com/watch?v=Gv32PESCKqo

A área de Xuventude pon en coñecemento da mocidade estradense o programa provincial +Xuventude

A área de Xuventude pon en coñecemento da mocidade estradense o programa provincial +Xuventude As asociacións xuvenís que así o desexen poderán realizar a súa solicitude ata o vindeiro 15 de marzo. O Concello da Estrada, a través da área da Xuventude pon en coñecemento da mocidade local o programa +Xuventude, promovido pola Deputación de Pontevedra, ao cal poderán concursar ata o vindeiro 15 de marzo. A liña de axudas, posta en marcha por vez primeira este ano, vai dirixida a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que sexan prestadoras de servizos dirixidos á mocidade e grupos formados por entre tres e oito persoas de entre 18 e 35 anos que queiran realizar proxectos de interese xeral e social. As propostas deberán favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario; contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores, á consecución de hábitos saudables; e enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia. O programa está dotado cun importe total de 100.000 euros e cada asociación que desexe concorrer ao mesmo poderá acceder a unha axuda cunha contía máxima de 5.000 euros. As persoas interesadas poderán obter toda a información na web provincial a través do enderezo http://www.depo.gal A edil de Xuventude, Lucía Seoane, convida á mocidade da localidade a ser partícipe dunhas axudas “que axudarán á materialización de proxectos de gran interese para as nosas asociacións xuvenís e que á súa vez sumarán beneficios para o total da cidadanía”.

‘Un médico na aldea’, o musical con selo estradense que chegará ao Principal a primeira fin de semana de marzo

‘Un médico na aldea’, o musical con selo estradense que chegará ao Principal a primeira fin de semana de marzo A obra, interpretada por Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas, sobre o escrito orixinal de Manuel Reimóndez Portela está dirixida e adaptada por Santiago Cortegoso. A estrea será esta fin de semana na cidade lusa de Braga, mentres que na Estrada as representacións serán os días 2 e 3 de marzo ás 20:00 e 19:00 horas, respectivamente. O Teatro Principal da Estrada exaltará na primeira fin de semana do mes de marzo a cultura local cunha dobre representación de ‘Un médico na aldea’, o musical dirixido e adaptado por Santiago Cortegoso e interpretado pola agrupación Tequexetéldere e a Escola Municipal de Artes Escénicas. O concelleiro de Cultura, Juan Constenla foi o encargado de presentar esta mañá a obra, acompañado por Enrique Reimóndez, neto do autor da obra; Rosa Herráiz, ilustradora; e o director, Santiago Cortegoso. O público que así o desexe poderá gozar por partida dobre desta representación, dado que o Principal acollerá un primeiro pase o sábado, 2 de marzo, ás 20:00 horas e un segundo un día despois, o domingo 3 de febreiro, ás 19:00 horas. A estrea será esta mesma fin de semana na cidade portuguesa de Braga. O escrito de Reimóndez Portela constrúese sobre un compendio de diversos relatos e vivencias vividas polo propio autor durante a súa época como médico na aldea, e, baixo a dirección de Santiago Cortegoso a narrativa de Reimóndez mudará ao arte escénico do musical coas interpretacións de Tequetexéldere e os integrandes da Escola Municipal de Artes Escénicas, así como coas ilustracións en directo de Rosa de Cabanas. O edil de Cultura, Juan Constenla, convidou ao público a asistir “a un evento que supón unha exaltación da produción cultural estradense e do carácter multidisciplinar da mesma”. Durante a súa intervención Constenla agradeceu “o traballo de todos os axentes implicados para a materialización dunha obra que pon en valor o talento que atesouran as persoas e os colectivos artísticos da Estrada”. As entradas poderán recollerse por un prezo de tres euros no departamento de Cultura do Concello.

As seis centrais da rede de cobre que operan na Estrada cesarán definitivamente o seu servizo durante o segundo semestre de ano

As seis centrais da rede de cobre que operan na Estrada cesarán definitivamente o seu servizo durante o segundo semestre de ano No termo municipal o peche afectará ás centrais de Rubín, Carballeira, Souto Vea, Codeseda, Berres e A Estrada. O Concello da Estrada trasládalle á súa veciñanza a notificación de Telefónica do peche definitivo da operatividade das centrais da rede de cobre operativas no termo municipal, programado para o segundo semestre do presente ano. Logo do anuncio do fin de garantía emitido no mes de novembro do ano pasado, a empresa de comunicacións data para o vindeiro mes de maio o cese definitivo das súas centrais de cobre para trocalas pola nova rede de fibra óptica (FTTH) a cal presenta unhas prestacións superiores á rede antiga e precisa de menos centrais para atender ao servizo dos usuarios. Polo tanto, ante o aviso de Telefónica, o Concello trasládalle á veciñanza que siga a facer emprego de rede de cobre de que para evitar quedar sen servizo a partir da data estipulada deberán poñerse en contacto co seu operador para mudar a un servizo de fibra ou radio.  

Vídeo – Día Europeo do 112

Vídeo – Día Europeo do 112 Con motivo da conmemoración o pasado 11 de febreiro do Día Europeo do 112, desde 112 Galicia elaboraron esta peza audiovisual na que o espectador pode coñecer máis de preto o enorme labor desenvolto polos profesionais deste servizo. Desde o Concello da Estrada queremos agradecer o traballo executado polo corpo de profesionais que integran este organismo, especialmente ao equipo que actúa na nosa localidade, unha tarefa impagable que permite salvar moitas vidas e resolver innumerables situacións de risco. https://aestrada.gal/wp-content/uploads/2024/02/Visita-Virtual-CIAE.mp4https://www.youtube.com/watch?v=0zwbC7_drZc

Scroll ao inicio
Skip to content