Concello da Estrada

A Estrada suma forzas de cara ao 8 de marzo para reivindicar e poñer en valor o papel das mulleres na sociedade

O Concello da Estrada suma forzas nunha soa voz para reivindicar de cara a conmemoración o vindeiro 8 de marzo do Día Internacional da Muller o seu compromiso pola defensa e o apoio á igualdade de todas as persoas independentemente do seu sexo, así como o compromiso coa defensa dos dereitos das mulleres.

O escrito, apoiado polo Partido Popular, o PSOE e MÓVETE, artéllase en torno a seis eixos nos que se insta a todos os axentes sociais á aplicación dos principios de igualdade; tamén se destaca o “inestimable e imprescindible” valor da muller no desenvolvemento e se avoga pola súa visibilidade; outro dos puntos que incorpora o documento é a denuncia á desigualdade cara ás mulleres en situación de vulnerabilidade, especialmente no ámbito laboral, e o compromiso das agrupacións que participan neste manifesto de empregarse activamente para a súa corrección; do mesmo xeito, maniféstase o compromiso pola aplicación de todas as medidas posibles e reclámase a dotación apropiada para tal fin segundo a lexislación vixente a todas as administracións competentes nesta materia; finalmente os grupos fan fincapé na obrigatoriedade de coordinar e sumar as máximas sinerxías posibles na busca da igualdade, aumentando os esforzos e medios, dando prioridade a dito obxectivo e comprometéndose a aportar e impulsar este proceder dentro das súas posibilidades.

A moción, promovida co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller, nace co firme compromiso de continuar avanzando cara a igualdade, o que supón seguir planificando accións que dean continuidade ao traballo previo, incidindo na información nos diversos eidos sociais ,dende a educación nos centros de ensino ata os distintos colectivos e asociacións civís , dado que tanto o seu compromiso como apoio é fundamental para estender e implantar políticas de igualdade na nosa sociedade.

Na comisión informativa tamén se aprobou de novo o inicio do expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar para o 2024 cun importe de 1.406.000 euros, un proceso realizado novamente tras a entrada en vigor das táboas salariais para o presente ano.

A modificación responde a unha mellora das condicións salariais do equipo de traballo deste servizo, polo que coa finalidade de axustarse a esta nova realidade e dando resposta ao establecido, o goberno local levou a cabo un estudo económico complementario ao xa existente, considerando estas novas táboas salariais, e do resultado obtido detectouse a necesidade de efectuar unha modificación no orzamento inicialmente contemplado, así como no prezo por hora.

Polo tanto, esta nova aprobación inicial non incide especialmente na tramitación do expediente, xa que se estivo avanzando nos pregos técnicos, os cales xa están elaborados, así como nos pregos administrativos que xa se están a perfilar, polo que conforme ás previsións, nas vindeiras semanas estará a documentación ultimada para poder continuar cos seguintes procesos na tramitación do expediente de contratación deste servizo.

Scroll ao inicio
Skip to content