Concello da Estrada

A área de Xuventude pon en coñecemento da mocidade estradense o programa provincial +Xuventude

  • As asociacións xuvenís que así o desexen poderán realizar a súa solicitude ata o vindeiro 15 de marzo.

O Concello da Estrada, a través da área da Xuventude pon en coñecemento da mocidade local o programa +Xuventude, promovido pola Deputación de Pontevedra, ao cal poderán concursar ata o vindeiro 15 de marzo.

A liña de axudas, posta en marcha por vez primeira este ano, vai dirixida a asociacións xuvenís sen ánimo de lucro que sexan prestadoras de servizos dirixidos á mocidade e grupos formados por entre tres e oito persoas de entre 18 e 35 anos que queiran realizar proxectos de interese xeral e social.

As propostas deberán favorecer e promover o desenvolvemento persoal e comunitario; contribuír ao apoderamento xuvenil, á formación en valores, á consecución de hábitos saudables; e enriquecer a vida social, económica, científica e cultural da provincia.

O programa está dotado cun importe total de 100.000 euros e cada asociación que desexe concorrer ao mesmo poderá acceder a unha axuda cunha contía máxima de 5.000 euros. As persoas interesadas poderán obter toda a información na web provincial a través do enderezo http://www.depo.gal

A edil de Xuventude, Lucía Seoane, convida á mocidade da localidade a ser partícipe dunhas axudas “que axudarán á materialización de proxectos de gran interese para as nosas asociacións xuvenís e que á súa vez sumarán beneficios para o total da cidadanía”.

Scroll ao inicio
Skip to content