Concello da Estrada

A Estrada honra a Rosalía de Castro coa lectura de poemas e a presentación dun vídeo coa música da Banda da Loba

  • A xornada incluíu a lectura de poemas e a presentación dun vídeo institucional elaborado sobre o poema ‘Un pelouro que roda’.

O Concello da Estrada celebrou unha xornada de homenaxe a Rosalía de Castro co gallo do 187 aniversario do seu nacemento.

O Teatro Principal foi o escenario escollido para levar a cabo as actividades coas que pór en valor a unha das figuras centrais para as letras e a cultura galega. A xornada vespertina deu comezo coa lectura de poemas por parte do alumnado dos centros educativos locais.

A continuación, foi presentado un vídeo institucional centrado no poema ‘Un pelouro que roda’, autoría da poetisa de Padrón.

A composición foi musicada e gravada pola agrupación ‘A Banda Loba’, xunto a diversos grupos de cativas e cativos que sumaron o seu gran de area na confección dun videoclip para o mesmo. A dirección do vídeo foi responsabilidade do realizador estradense Lucas Terceiro.

Na xornada participaron integrantes da agrupación musical responsable de poñerlle música ao vídeo, deleitando ao público congregado no Teatro Principal cunha interpretación.

Scroll ao inicio
Skip to content