Concello da Estrada

Uncategorized @gl

Unidade móbil inspección técnica de ciclomotores

Unidade móbil inspección técnica de ciclomotores A unidade móbil 9 de inspección técnica de ciclomotores desplazarase ao Concello da Estrada, nas seguintes datas e ubicacións: Descargar pdf.

A Estrada acollerá este sábado o inicio do 10º Festival Convergências cun concerto de fusión tradicional galaico-portuguesa

A Estrada acollerá este sábado o inicio do 10º Festival Convergências cun concerto de fusión tradicional galaico-portuguesa O Principal será escenario do concerto que abrirá a décima edición do festival; a actuación de Canto D’Aqui e a Banda de Música de A Estrada. O Convergências procura poñer en contacto a cultura galega e a portuguesa, cunha oferta multidisciplinar e de fusión, que visitará as vilas de A Estrada, Braga, Padrón e Santiago de Compostela. O Teatro Principal da Estrada acollerá este sábado, 3 de febreiro ás 20:00 horas, a primeira xornada do 10º Convergências, cun concerto que fusionará a música tradicional portuguesa e galega a través de Canto D’Aquí e a Banda de Música de A Estrada. A xornada marcará o comezo dunha programación multidisciplinar e de fusión co Concerto Fusão Tradicional, no que actuarán en conxunto Canto D’Aqui coa Banda de Música Municipal de A Estrada. A cita incluirá a execuxión de temas tradicionais baixo a reinterpretación de Filipe Cunha, autor portugués que engadiu novas sonoridades. A través dela o público que se dea cita no Principal terá a ocasión de tomar contacto coa cultura do país lusitano mediante a súa música popular, conxugada coa banda de música local. A programación desta décima edición, que discorrerá ata o 9 de marzo, contará con diversas actividades musicais, de danza, teatro e literatura, en diversos lugares das xeografías galegas e portuguesas, contando con actividades en Braga, Padrón, A Estrada e Santiago de Compostela.

O Concello iniciou os trámites para solicitar á empresa responsable da fibra óptica o restablecemento do servizo nos núcleos afectados en Santo André de Vea

O Concello iniciou os trámites para solicitar á empresa responsable da fibra óptica o restablecemento do servizo nos núcleos afectados en Santo André de Vea O Concello da Estrada xa iniciou os trámites pertinentes para solicitar á empresa responsable da fibra óptica a reparación das incidencias ocasionadas no subministro de fibra óptica en Santo André de Vea logo de que a saída de vía dun camión ocasionase onte o derrubamento dun dos postes que conectaba o cableado de fibra. Desde a plataforma aestradadixital iniciáronse os contactos coa empresa responsable deste servizo para notificarlle a incidencia e, deste xeito, poder proceder á súa reparación. En base ás previsións, agárdase que os traballos para restablecer a fibra poidan ser executados ao longo das vindeiras xornadas.

Éxito do modelo de carsharing con case 35.000 quilómetros percorridos ao longo do ano 2023

Éxito do modelo de carsharing con case 35.000 quilómetros percorridos ao longo do ano 2023 A iniciativa, posta en marcha en febreiro do ano pasado, sumou un total de 454 reservas e unha distancia de 34.559 quilómetros.  O vehículo eléctrico promedia uns 76 quilómetros por cada reserva realizada.  O Concello da Estrada fai balance dos datos obtidos do servizo de carsharing posto en marcha en febreiro do ano pasado. As cifras evidencian o éxito da iniciativa, dado que desde a súa entrada en funcionamento o vehículo eléctrico foi reservado un total de 454 veces percorrendo unha distancia total de 34.559 quilómetros. A iniciativa, integrada no PLAN VIVE, a través do cal Hyupersa cedeu un vehículo eléctrico, modelo Hyunday Kona, para o seu emprego por parte da veciñanza empadroada co Concello da Estrada, reafirmou o compromiso do goberno local pola promoción dunha maior sustentabilidade a través da redución das emisións de gases de invernadoiro. Deste xeito, as cifras anuais ratificaron a tendencia positiva que presentou o balance realizado no ecuador do 2023, concretamente no mes de xuño, cando o automóbil sumaba ao redor dos 13.000 quilómetros e 300 reservas. Os veciños e veciñas que desexen seguir facendo emprego do servizo do vehículo eléctrico, instalado na avenida Benito Vigo, poderán continuar beneficiándose do mesmo aboando unha tarifa de cinco euros por hora de uso durante as catro primeiras horas, e en adiante aplicarase unha tarifa plana cunha contía máxima de vinte euros ao día. As reservas poden realizarse a través da app Vive Hyundai, e a través delas os usuarios poderán desprazarse durante un máximo de 24 horas nun radio de 170 quilómetros.

A Estrada programa un entroido repleto de actividades para todos os públicos e numerosos premios

A Estrada programa un entroido repleto de actividades para todos os públicos e numerosos premios Os desfiles e concursos seguirán sendo os principais reclamos do entroido estradense, e nesta edición os premiados recibirán o importe dos seus premios in situ no momento da recollida dos mesmos. Guimarei e Couso complementarán os festexos os días 12 e 11, respectivamente, e a hostalería local programa un concurso de disfraces para o 17 de febreiro. O Concello da Estrada anunciou esta mañá a súa programación para os festexos de entroido que terán lugar desde o venres, 9 de febreiro ata o sábado, día 17 de febreiro. A edil de Xuventude, Lucía Seoane, foi a responsable de desmiuzar a programación duns festexos que contarán coas seguintes propostas: O venres 9 de febreiro terá lugar o concurso de disfraces da hostalería estradense O sábado 10 de febreiro terá lugar desde as 17.00 horas o baile de disfraces infantil no segundo andar da praza do Mercado, onde haberá actividades de diversa índole ademais dunha merenda. O mesmo día, ás 17.30, a residencia de maiores acollerá o baile de disfraces que tamén incluirá merenda. O sábado 11, Couso será un dos epicentros do entroido estradense co seu tradicional festexo. O luns 12 celebrarase o concurso e desfile de disfraces, presentado por Isi. A cita dará comezo ás 17.00 horas e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse tanto como é habitual no Concello ou a través do enderezo electrónico municipal, ou presencialmente ata o momento da saída que será desde a rúa Antón Losada, para continuar polas rúas Avda. de Santiago, Avda. América, rúa Peregrina, praza da Farola, rúa Calvo Sotelo, rúa Severino Trigo e praza da Feira. A contía dos premios será maior que en edicións anteriores e aboarase no mesmo momento no que se faga entrega dos premios. O desglose de cantidades a percibir polos gañadores das diferentes modalidades é o seguinte: CATEGORÍA INDIVIDUAL INFANTIL (ata 14 anos) Premio único …………………………………….. 90,00€ CATEGORÍA INDIVIDUAL ADULTO Premio único ……………………………………. 120,00€ CATEGORÍA PARELLAS Premio único …………………………………….150,00€ CATEGORÍA MASCOTAS Premio único …………………………………….. 50,00€ CATEGORÍA GRUPOS 1.º premio………………………………………..1.200,00€ 2.º premio…………………………………………. 600,00€ 3.º premio…………………………………………. 300,00€ 4.º premio…………………………………………..150,00€ Ademais, establécese un premio especial na categoría de GRUPOS de 200,00€ para unha agrupación local. Para considerarse grupo local deberá estar formado cun mínimo de máis do 50% de residentes na Estrada. Este premio non será outorgado se fosen premiados noutras modalidades e deberase indicar na folla de inscrición se compren o requisito para poder optar a esta modalidade. Os premios entregaranse no día da celebración do concurso por parte dun representante municipal, debendo estar presente os gañadores. Neste Concurso valoráranse os aspectos artísticos dos disfraces, a orixinalidade, a creatividade e terase en conta ademais a participación activa e humorística no desfile. O tribunal estará constituído pola Concelleira de Mocidade Lucía Seoane Rosende, polo membro de Producciones Trípode, Juan Pedro Pérez e polas actrices Chelo do Rejo e Sali Torres. O martes 13 celebrarase o desfile tradicional coa participación dos xenerais de Santa Cristina de Vea, que terá saída desde a rúa Antón Losada. O mesmo días, ás 18:30 terán lugar os Vivas e os encontros dos xenerais, nunha actividade presentada por Pablo Chichas. A Santa Apolonia de Guimarei e a hostelería local animarán o entroido Guimarei honrará o luns 12 de febreiro a Santa Apolonia desde as 13.00 horas coa misa cantada e a sesión vermú amenizada polo grupo de gaitas local Tambarrantán. A partir das 23.00 horas terá lugar a verbena, un acto de gran repercusión na comarca que contará coas orquestras París de Noia e Finisterre. Haberá carpa e bus cun custe de 2 euros. A organización informará que nas vindeiras datas se informará a través das súas redes sociais tanto de horarios como de paradas. A hostalaría celebrará un concurso de disfraces o 9 de febreiro desde as 21.00 horas dándose os premios ás 02.30 horas. Pola súa parte o sábado de piñata, 17 de febreiro, celebrarase o tradicional enterro do salmón desde as 19.00 horas.

Unidade Móbil – Doazón Sangue

Unidade Móbil – Doazón Sangue O venres 26 de xaneiro das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas na Praza do Concello. A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) subministra compoñentes sanguíneos a todos os hospitais de Galicia. Cada día, as doazóns de sangue recollidas nos locais de doazón e nas 10 unidades móbiles que percorren os concellos galegos envíanse ás dependencias de ADOS para o seu procesamento, análise e distribución. Cada día os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns de sangue para manter a súa actividade, e a súa colaboración é fundamental. No seguinte código QR encontrará información sobre a doazón de sangue e os requisitos de saúde para participar:

‘Pobres criaturas’ e ‘Cuando acecha la maldad’, pratos fortes nesta edición do festival de cine de terror Panic na Estrada.

‘Pobres criaturas’ e ‘Cuando acecha la maldad’, pratos fortes nesta edición do festival de cine de terror Panic na Estrada. O Concello da Estrada presentou, esta mañá, a programación do festival de cine de terror Panic, que se celebrará nos Minicines Central desde este venres, 19 de xaneiro, ata o venres día 2 de febreiro. Esta mañá tivo lugar a presentación oficial, na que o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, o programador do festival, Pedro Pérez, e o xerente de Minicines Central, Luis Rivadulla, explicaron toda a información sobre o programa. Segundo declarou Constenla “o Panic é un dos eventos máis agardados polo alumnado dos institutos e a mocidade estradense en xeral ao longo de todo o ano, pois comparten un gusto especial pola cultura audiovisual e, en especial, polo cine de terror”. O concelleiro incidiu no carácter “de ocio saudable que ten esta actividade que, ademais, achega a toda a veciñanza un interese cultural de primeira orde como o mundo cinematográfico”. Por último Constenla quixo “agradecer a colaboración a Pedro Pérez, programador do festival, e a Luis Rivadulla, xerente dos Minicines Central, aos institutos e a todas as persoas que colaboran cada ano para que este festival siga medrando ao mesmo xeito que achegamos a cultura á mocidade da Estrada”. Pola súa banda, Pedro Pérez, indicou que “é unha das mellores programacións que se poden facer hoxe en día en materia de terror. Como exemplo temos ‘Cuando acecha la maldad’, película gañadora do festival de Sitges, que se estrea ese mesmo día en cines de toda España e podedes atopala en todos os rankings de películas do xénero, algo que tamén lle pasa a ‘Háblame’”. O programador quixo destacar tamén a proxección de ‘Pobres criaturas’, “da que se está a falar agora mesmo a nivel internacional, e logo temos dous clásicos do cine de terror como son ‘Las colinas tienen ojos’ e ‘Arrástrame al infierno’, e por último temos Terrifier 2, que é o largometraxe transgresor e diferente desta edición, que nos serve para incluír unha nota discordante na programación do festival”. Luis Rivadulla quixo destacar que “no programa hai dúas películas como ‘Pobres criaturas’ e ‘Cuando la maldad acecha’ que se estrean o mesmo fin de semana en todos os cines do noso país, algo que non é habitual neste tipo de eventos”. Finalmente, subliñou que “este festival serve de canteira en materia de terror para que despois a xente da contorna poida vir ver películas deste xénero ao longo dos 365 días do ano”. O concelleiro sinalou que desde o Concello comezarán mañá, martes 16 de xaneiro, unha campaña de información nos centros de ensino do municipio, para repartir convites ás películas. Estes poderán ser intercambiados por unha entrada na billeteira ata 15 minutos antes de cada unha das películas. As actividades son de balde ata completar o aforo das salas de cine. A programación do festival ábrese este venres, 19 de xaneiro, cunha maratón de catro películas. Ás 22:30 horas ábrese a cita coa proxección de “Cuandoacecha la maldad; ao remate, ás 0:10 horas, será a quenda de “Háblame”; a partir das 01:50 horas poderase ver “Las colinas tienen ojos” e, finalmente, a partir das 03:35 horas, darase por rematada a noite coa longametraxe “Arrástrame al infierno”. A segunda xornada do festival terá lugar o 26 de xaneiro, coa proxección da película “Terrifier 2” a partir das 22:30 horas e, por último, o día 3 de febreiro clausurarase a cita coa película “Pobres criaturas” ás 22:30 horas.

Este venres comeza o festival de cine de terror PANIC

Este venres comeza o festival de cine de terror PANIC Este vindeiro venres ás 22.30h, en Minicines Central, bota a andar a décima edición do Festival de Cine de Terror PANIC, unha edición dirixida preferentemente ao alumnado dos IES estradenses, organizado e apoiado polas concellerías de Cultura e Sanidade do Concello da Estrada como unha alternativa de ocio saudable para a xente nova. O programa está complementado cunha exposición pictórica de Manuel Fragoso titulada 26 Seres vivos e por unha sesión de lectura de microrrelatos protagonizada pola escritora Arantza Portabales. As entradas serán de balde ata completar a capacidade das salas. PROGRAMA PANIC 2024 MARATÓN 19-01-2024 22.30h-00.10hCuando acecha la maldadNunha vila remota, dous irmáns descobren un home infectado por forzas malignas que está a piques de enxendrar o mesmo demo… 00.10h-01.40hHáblame (Talk to me)A adolescente solitaria Mia está enganchada á emoción de invocar espíritos, utilizando unha man embalsamada… 01.50h-03.35hLas colinas tienen ojosA viaxe dunha familia convértese nun pesadelo terrorífico cando se adentran nunha zona desértica de acceso restrinxido… 03.35h-05.10hArrástrame al infiernoUnha anciá decide vingarse dunha prestamista que lle quita a casa, lanzándolle unha maldición que converte a súa vida nun auténtico inferno… 26-01-2024 22.30h-0.45hTerrifier 2Despois de ser resucitado por unha entidade sinistra, Art the Clown regresa ao condado de Miles en plena noite de Halloween… 01-02-2024 20.30h / Casa das LetrasInauguración da Exposición 26 Seres vivosManuel Fragoso 02-02-2024 20.30h / Casa das LetrasLectura de microrrelatos de terror, con Arantza PortabalesModera Pedro Pérez 02-02-2024 22.30h-0.40hPobres criaturasBella Baxter é unha moza revivida polo científico Dr. Godwin Baxter. Baixo a súa protección, Bella está ansiosa por aprender e “famenta” de novas amizades.

A Big Band e o coro Carlos Barruso encherán de ritmo o Principal baixo a batuta de Joan Chamorro e Rubén Servide

A Big Band e o coro Carlos Barruso encherán de ritmo o Principal baixo a batuta de Joan Chamorro e Rubén Servide O Teatro Principal será escenario o vindeiro 21 de xaneiro dun concerto por conta da Big Band e o coro Carlos Barruso, dirixidos por Joan Chamorro e Rubén Servide. A sala de xuntas do Concello acolleu, esta mañá, a presentación da actuación, nun acto no que interviñeron o edil de Cultura, Juan Constenla, xunto con Juan Núñez, Manuel Castedo e Rubén Servide, membros da directiva do obradoiro. Ademais, Chamorro levará a cabo varias masterclass entre os intérpretes que tomarán parte no concerto do sábado 21. Ditas sesións consistirán en clases nas que o catalán compartirá os seus coñecementos e experiencia en interpretación vocal e instrumental. Deste xeito, a chegada de Joan Chamorro á Estrada suporá contar cunha das figuras máis sobranceiras do jazz nacional. Da súa traxectoria sobresae o seu cargo como director da Sant Andreu Jazz Band, posto que desenvolve desde o ano 2006. Ás súas costas carga con máis de 100 discos gravados, moitosdeles como líder, ademais de colaborar con numerosos intérpretes de talla internacional. Atesoura tamén numerosos galardóns tanto pola súa faceta como músico como polo seu labor didáctico dado que impartiu masterclasses en numerosos países como EE.UU, México, Colombia, Suecia, Suiza, Dinamarca, Italia, Francia ou Polonia, entre outros. Durante a presentación, Constenla, sinalou a súa satisfacción por “poder contar cunha eminencia do jazz internacional como Joan Chamorro para que comparta os seus métodos de traballo e sobre todo, a súa ampla experiencia con dúas fantásticas agrupacións como o son a Big Band e o coro Carlos Barruso”. O responsable de Cultura tamén fixo un convite á veciñanza para que asista “a un evento que colabora a pór en valor o talento musical que atesouran as agrupacións estradenses”.As persoas que desexen acudir ao concerto poderán retirar as súas entradas no departamento de Cultura do concello por un prezo de tres euros.

Couso recupera o seu Entroido tradicional coa vista posta en espallar o espírito do Carnaval por todo o municipio.

Couso recupera o seu Entroido tradicional coa vista posta en espallar o espírito do Carnaval por todo o municipio. Tras a parada dos últimos anos, Couso volverá recuperar o seu Entroido tradicional. Así se confirmou, esta mañá, na presentación da cita, na que estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, a edil de Novas Tecnoloxías, Conectividade e Reto Demográfico, Lucía Seoane, e os membros da Asociación dos Xenerais de Couso, Aurora Lorenzo e Manuel Brey. O Entroido terá lugar o domingo, 11 de febreiro, e con el, buscarase, non só rescatar esta festividade tradicional, senón tamén atraer a xente doutras parroquias do municipio. O Entroido levarase a cabo o 11 de febreiro, pero a súa realización estivo precedida por un extenso traballo que incluíu, entre outras tarefas, a busca de fotografías antigas coas que documentar, por exemplo, os traxes tradicionais (os dos coros dos vellos e os bonitos, os dos xenerais, etc.). Deste xeito, tal e como se indicou durante o acto de presentación, a idea da Asociación dos Xenerais de Couso é “recuperar o traxe de bonito, os chambergos (un gorro típico da festa), os traxes dos Xenerais, dos correos, etc.”. O domingo, día 11, a comitiva do Entroido percorrerá todas as casas do Couso, levando a música e o baile a cada recuncho da parroquia. De feito, un dos elementos máis destacables desta nova edición será, precisamente, a interpretación da Danza do Entroido de Ulla, un baile que foi recuperado, hai uns anos, pola Asociación Cultural A Regionalista.A cita incluirá tamén a realización dun xantar popular e o clásico Atranque dos Xenerais. O programa do Entroido incluirá, a organización de talleres para aprender a elaborar chambergos, colares e, por último, un obradoiro-charla sobre a Danza do Entroido de Ulla. Os representantes da Asociación dos Xenerais de Couso indicaron que o obxectivo é “dar pé a outras aldeas e parroquias para que tamén recuperen os seus Entroidos”.

Scroll ao inicio
Skip to content