O Concello da Estrada presentou, esta mañá, a programación do festival de cine de terror Panic, que se celebrará nos Minicines Central desde este venres, 19 de xaneiro, ata o venres día 2 de febreiro.
Esta mañá tivo lugar a presentación oficial, na que o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, o programador do festival, Pedro Pérez, e o xerente de Minicines Central, Luis Rivadulla, explicaron toda a información sobre o programa.
Segundo declarou Constenla “o Panic é un dos eventos máis agardados polo alumnado dos institutos e a mocidade estradense en xeral ao longo de todo o ano, pois comparten un gusto especial pola cultura audiovisual e, en especial, polo cine de terror”.
O concelleiro incidiu no carácter “de ocio saudable que ten esta actividade que, ademais, achega a toda a veciñanza un interese cultural de primeira orde como o mundo cinematográfico”.
Por último Constenla quixo “agradecer a colaboración a Pedro Pérez, programador do festival, e a Luis Rivadulla, xerente dos Minicines Central, aos institutos e a todas as persoas que colaboran cada ano para que este festival siga medrando ao mesmo xeito que achegamos a cultura á mocidade da Estrada”.
Pola súa banda, Pedro Pérez, indicou que “é unha das mellores programacións que se poden facer hoxe en día en materia de terror. Como exemplo temos ‘Cuando acecha la maldad’, película gañadora do festival de Sitges, que se estrea ese mesmo día en cines de toda España e podedes atopala en todos os rankings de películas do xénero, algo que tamén lle pasa a ‘Háblame’”.
O programador quixo destacar tamén a proxección de ‘Pobres criaturas’, “da que se está a falar agora mesmo a nivel internacional, e logo temos dous clásicos do cine de terror como son ‘Las colinas tienen ojos’ e ‘Arrástrame al infierno’, e por último temos Terrifier 2, que é o largometraxe transgresor e diferente desta edición, que nos serve para incluír unha nota discordante na programación do festival”.
Luis Rivadulla quixo destacar que “no programa hai dúas películas como ‘Pobres criaturas’ e ‘Cuando la maldad acecha’ que se estrean o mesmo fin de semana en todos os cines do noso país, algo que non é habitual neste tipo de eventos”.
Finalmente, subliñou que “este festival serve de canteira en materia de terror para que despois a xente da contorna poida vir ver películas deste xénero ao longo dos 365 días do ano”.
O concelleiro sinalou que desde o Concello comezarán mañá, martes 16 de xaneiro, unha campaña de información nos centros de ensino do municipio, para repartir convites ás películas. Estes poderán ser intercambiados por unha entrada na billeteira ata 15 minutos antes de cada unha das películas. As actividades son de balde ata completar o aforo das salas de cine.
A programación do festival ábrese este venres, 19 de xaneiro, cunha maratón de catro películas. Ás 22:30 horas ábrese a cita coa proxección de “Cuandoacecha la maldad; ao remate, ás 0:10 horas, será a quenda de “Háblame”; a partir das 01:50 horas poderase ver “Las colinas tienen ojos” e, finalmente, a partir das 03:35 horas, darase por rematada a noite coa longametraxe “Arrástrame al infierno”.
A segunda xornada do festival terá lugar o 26 de xaneiro, coa proxección da película “Terrifier 2” a partir das 22:30 horas e, por último, o día 3 de febreiro clausurarase a cita coa película “Pobres criaturas” ás 22:30 horas.