De Felisa a Otero Pedrayo é un libro-disco realizado polo cantautor Manoele de Felisa que musicaliza poemas e textos do insigne autor. A música compleméntase con ilustracións do artista plástico Ramiro Cimadevila. No concerto interpretaranse unha ducia de temas seleccionados deste traballo literario.
O monólogo de Leti explora en ton irónico a nosa relación coa Internet e as redes sociais e como estas inflúen, cada vez máis, no noso día a día. Unha comedia onde o público acabará por rirse de si mesmo.
A Coral Polifónica Estradense fará un resumo no seu trixésimo aniversario do repertorio que veu interpretando ao longo dos anos, un compendio de cancións folclóricas, iberoamericanas e de estilo contemporáneo.
Madness é unha comedia musical sobre a vida ás marxes do sistema. De relacionarse coa elite a durmir baixo unha ponte, da indixencia á jet set, de comer ostras a estar no ostracismo. Yllana e Primital Brothers volven unir forzas para demostrarnos que a tecnoloxía é a nova mitoloxía, que o riso é sagrado e que o canto a capela é a áncora coa humanidade.
O festival Lume na Lareira cumpre os seus 19 anos de vida coa presenza relevante do campión mundial de acordeóns, o italiano Gianluca Campi, ademais de Cristo Cristini e outros artistas convidados. Un acto no que se sorteará un acordeón entre todos e todas as asistentes. Cita obrigada para os amantes do acordeón.
Bernarda pecha a súa longa e exitosa xira coa visita obrigada á nosa vila dentro do ciclo da muller que organiza o Concello da Estrada. Unha montaxe que reflicte a unha muller dura e loitadora que debe sacar adiante a educación das súas fillas. O choque xeracional será o epicentro dun drama que ás veces nos fará rir e outras conter o pranto. Un espectáculo, en todo caso, inesquecible.
A Banda de Música Municipal da Estrada celebra o día da súa patroa cun concerto no que dará a coñecer o seu novo repertorio e aos novos integrantes desta agrupación.
Seleccionada pola Mostra de Teatro Clásico de Almagro, esta peza ofrece a posibilidade de gozar desde o teatro da música barroca e de facelo dun modo divertido e alonxado de academicismos. A obra musical acontece no salón real dunha monarquía europea do século XVIII. Nel danse cita, o rei, a raíña, o compositor da corte e un bufón que non deixará títere con cabeza.
Chega á Estrada Goyo Jiménez, o actor que nos ensinou que ser americano non é só falar con maiúsculas, almorzar gofres con bacon, resolvelo todo botando man dunha metralleta repetidora ou debuxando no rostro un sorriso Profident. Goyo recupera neste novo show os seus momentos máis celebrados para amosarnos o soño americano convertido en insomnio global.
Coma todos os anos, a Escola da Banda de Música Municipal da Estrada recibe o nadal cun concerto no que participará o seu alumnado, ademais do Grupo de Música e Movemento, da Banda infantil e a Banda Escola.