A Estrada acenderá o Nadal coa Fundación Andrea

Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Estrada prepárase para estampar un selo solidario ao momento no que se prenden as luces de Nadal. O goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono vén apostando por aproveitar o acendido do alumeado, que vestirá de cor as rúas da capital estradense durante estas festas, para facer un chamamento á empatía e á contribución con diversas causas, avogando por que tanto o acto en si como os fins solidarios teñan aos máis pequenos da casa como protagonistas. Desta volta o Nadal comezará a brillar na Estrada o venres 27 de novembro e serán familias coas que colabora a Fundación Andrea as encargadas de premer o botón para que toda a vila quede iluminada.

Louzao Dono foi o encargado de revelar hoxe a decisión de que este ano sexa a Fundación Andrea a protagonista do acto de acendido, que está programado para o devandito día ás 19.00 horas.

Unida á memoria de Andrea e ao espírito de superación e exemplo de loita que ela deixou, esta fundación ten como finalidade a atención e o apoio económico, moral, informativo ou de calquera outra natureza ás familias que, contando con escasos recursos económicos, teñan que coidar dos seus fillos durante as enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais que estes poidan padecer, facilitándolles solucións e axudas áxiles ante situacións de carencias inmediatas.

Donativos e fila cero

As persoas que se sumen ao acendido poderán colaborar, se así o desexan, co labor que desenvolve esta entidade, que estará representada pola súa presidenta, Charo Barca, e por familias da zona que teñen recibido ou reciben a axuda desta fundación. O xeito escollido para canalizar esta colaboración explicarase nos vindeiros días, se ben xa se adianta que haberá tamén unha fila cero para favorecer a participación daquelas persoas que non teñan ocasión de achegarse o vindeiro 27 de novembro.

O lugar dende o que se realizará o acendido será outro dos detalles que se reservan para estes días, tendo en conta que este ano o foco de maior interese repartirase entre a Praza da Constitución e a Praza de Galicia, lugar no que se instalará a maior árbore de luces da historia do Nadal estradense, con 22 metros de altura.

Pola súa banda, a Praza da Constitución estreará un cambio no modelo de ornamentación, estreando unha que busca facer que o Nadal na Estrada tamén se viva de día. Estará inspirada nunha estética máis tradicional, con grilandas, elementos vexetais, adornos en tons vermellos e dourados e árbores decoradas. Será unha decoración que se integre na parte arquitectónica do consistorio e do palco da música, que compartirán unha linguaxe decorativa e que estarán unidos por un Bosque de Nadal coa casa de Papá Noel. Está previsto que toda esta montaxe arranque mañá.

Antes do acendido

O acto de acendido do alumeado de Nadal será unha xornada moi especial na Estrada. Antes de que se prema o botón que iluminará a chegada destas festas na vila, Troula Animación encherá de ambiente as rúas con pasacalles dende as 18.00 horas coa inspiración do seu espectáculo “O estraño caso do dentista da Rúa Brasov”. Isto marcará tamén a chegada do Circo no Camiño, que durante a fin de semana do 28 e 29 de novembro estenderá a súa carpa de maxia, circo e música na Estrada.

Pero o seu non será o único espectáculo. O venres, unha hora despois de acender as luces de Nadal, a International Ballet Company chegará ao Teatro Principal para ofrecer “El lago de los cines”, coa música do compositor Piotr Ilich Tchaikovsky.

O Concello da Estrada remitirá a todos os centros educativos do municipio unha invitación para animar a todo o alumnado a sumarse ao acendido do Nadal, co desexo de que participen e sexan os primeiros en gozar da irrupción destas festas tan especiais á vila e compartan o cariz solidario que lle quere dar á súa chegada.

Este Nadal A Estrada contará con 13.000 metros cadrados de superficie iluminada, 119 arcos e 262 elementos de luz. Será máis de medio millón de micro LED para conformar a estampa destas festas nas rúas estradenses.

Scroll ao inicio
Ir o contido