Concello da Estrada

O I Gastrotur do Ulla da Estrada contará coa colaboración de AGACAL co enfoque posto na promoción dos produtos de orixe galega

  • O alcalde, José López Campos, e o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, asinaron un convenio de colaboración co que AGACAL participará na organización de actividades informativas e promocionais sobre o consumo de produtos galegos.
  • Na cita participarán 40 artesáns e artesás alimentarias, sendo, polo menos, 15 deles da comarca.

A primeira edición do Gastrotur do Ulla que se celebrará o vindeiro mes de maio na Estrada contará coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimenticia tal e como o ratificaron hoxe o alcalde, José López, e o director da AGACAL, José Luis Cabarcos, a través da sinatura dun convenio co cal a entidade colaborará na organización de actividades informativas e divulgativas sobre o consumo de produtos con selo galego.

No acto da firma tamén participaron Óscar Durán, edil de Promoción Económica, Comercio e Emprego; Lois González, representante de ABANCA; e Cesar González, representante do Clúster de Turismo

No marco das actividades promocionais que organizará AGACAL poden incluirse catas, xornadas técnicas de obradoiros, showcookings e xornadas de degustacións.

No evento daranse cita un total de 40 artesáns e artesás alimentarias galegas, cunha participación de polo menos 15 profesionais da comarca, coa finalidade de dar a coñecer as súas elaboracións.

Esta edición inaugural celebrarase no recinto feiral da Estrada os días 17, 18 e 19 de maio, mesma data na que se celebrará o 50 aniversario da Festa do Salmón, motivo polo cal están previstas diversas actividades lúdicas e formativas arredor deste deporte como obradoiros, exposicións e demostracións da man da Sociedad Deportiva Río Ulla.

O obxectivo último do Gastrotur é poñer en valor as singularidades de pequenos concellos á beira deste río a través dunha exposición multisectorial con carácter anual ou bianual relacionada co río Ulla e os sectores da gastronomía, turismo e deporte.

O alcalde, José López, puxo en valor a colaboración de AGACAL, na organización do evento “dándolle así maior visibilidade aos produtos galegos e ao fantástico tratamento que fan dos mesmos os profesionais tanto da comarca como de todo o ámbito autonómico”.

Scroll ao inicio
Skip to content