Concello da Estrada

A Estrada apoia unha nova adscrición coa finalidade de reducir a saturación no IES Antón Losada e promover a formación profesional no centro

O Concello da Estrada explicou a través da concelleira de Benestar Social, Igualdade e Educación Social, Amalia Goldar, a proposta da Xefatura Territorial da Consellería de Educación de Pontevedra consensuada cos centros de ensino estradenses, para a adscrición nestes, a cal ten por finalidade reducir o alumnado no IES Antón Losada a través da supresión dos estudos de ensinanza secundaria no mesmo coa finalidade de promover a formación profesional e equilibrar o fluxo de estudantes nos outros institutos.

A medida, cuxa entrada en vigor está prevista para o vindeiro curso académico, 2024-2025, suporá que o alumnado de primaria do CEIP de Figueroa curse a secundaria no IES Nº1, recinto que deste xeito aumentará o seu número de alumnado e permitirá unha maior capacidade de subsistencia, mentres que os nenos e nenas do CEIP do Foxo e o Cabada Vázquez serán adscritos ao IES García Barros. Ademais, dita medida non afectará á mocidade que cursa ensinanza secundaria no IES Antón Losada Diéguez xa que poderán rematar ditos estudos no centro.

Dita adscrición xa conta con todos os informes favorables dos diferentes departamentos involucrados e na actualidade restarían trámites coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia para a súa posta en marcha definitiva.

A adscrición non suporá a obrigatoriedade de realizar os estudos nos centros que correspondan en base á mesma, xa que tal e como marca a lexislación vixente as familias terán a potestade de matricular ao alumnado no centro que consideren, aínda que a prioridade será dos alumnos adscritos no seu correspondente centro.

A edil, Amalia Goldar, mantivo reunións coas ANPAS dos diferentes centros educativos para trasladarlle esta proposta, a cal non implicará modificacións nin no servizo de transporte nin nos horarios de asistencia aos centros. Ademais, un factor a ter en conta neste sentido é a proximidade dos mesmos, o cal provoca que non haxa apenas modificacións nos desprazamentos.

Tal e como sinalou, a responsable de Educación, “a finalidade detrás desta medida é aliviar o alto número de alumnado que estuda no IES Antón Losada, ao mesmo tempo que se equilibra no do resto de centros de secundaria”.

Ademais, fai fincapé en que “desconxestionar o Antón Losada achegaranos á materialización dun dos nosos grandes obxectivos en materia educativa; convertelo nun centro no que se imparta unha ampla formación profesional que lle garanta tanto ao estudantado estradense como ao de concellos da contorna unha oferta diversa para poder formarse cerca dos seus fogares, sen necesidade de realizar desprazamentos a outras localidades como Santiago de Compostela ou Pontevedra”.

Scroll ao inicio
Skip to content