Concello da Estrada

Xunta de Galicia convoca as axudas do programa Emega para o fomento de emprendemento feminino en Galicia

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 13 de agosto de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Con esta finalidade, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora. En ningún caso as ditas medidas poderán consistir na destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta orde, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, entidade sen personalidade xurídica, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal. En todo caso, unha mesma persoa non pode solicitar a axuda como empresaria individual e ao mesmo tempo formar parte dunha empresa de tipo societario que tamén solicita a axuda.

Requisitos:

Liña Emprende: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Emprende as empresas de nova creación constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica para a cal solicita a axuda ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

c) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá cumprila, como mínimo, o 50 % das promotoras. Para estes efectos, entenderase por persoa desempregada aquela que careza de ocupación durante un período mínimo dun mes inmediatamente anterior á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

d) A alta de todas as promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos. No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, a correspondente alta na Seguridade Social deberá formalizarse, como máximo, na data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

e) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Liña Activa: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña Activa as empresas constituídas por mulleres que presenten un proxecto de reactivación para o mantemento do emprego e para asegurar o necesario equilibrio empresarial ou un proxecto de mellora sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) No mes de finalización do prazo de presentación de solicitudes, debe acreditarse un período mínimo de tres anos de realización efectiva da actividade empresarial na mesma actividade económica para a cal se proxecta o plan de reactivación e/ou mellora. Entenderase cumprido este requisito cando existan períodos de inactividade que en total non superen os tres meses.

b) Os proxectos de reactivación e consolidación ou de mellora deberán recollerse no plan de negocio empresarial e deberán consistir nalgunha das seguintes medidas:

– Cambio de localización da actividade.

– Acondicionamento ou renovación das instalacións.

– Renovación do equipamento informático e/ou aplicacións informáticas.

– Compra de maquinaria e/ou ferramentas.

– Implantación de novas tecnoloxías para a comercialización dos produtos ou servizos.

c) Manter ou incrementar o número de postos de traballo por conta propia ou por conta allea preexistentes na empresa.

d) A alta na Seguridade Social das traballadoras que ocupen os novos postos de traballo creados como consecuencia do proxecto de reactivación ou mellora, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberá formalizarse no prazo comprendido desde o 1 de agosto de 2023 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

Liña ITEF: requisitos específicos e contía dos incentivos

1. Poderán acollerse aos incentivos da liña ITEF as empresas de nova creación que respondan a un proxecto empresarial de carácter innovador, no eido da investigación e da tecnoloxía, constituídas por mulleres sempre que, ademais dos requisitos e condicións xerais e comúns para obter a condición de beneficiaria relacionados no artigo 5, cumpran os seguintes requisitos específicos:

a) O inicio da actividade económica ten que producirse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos.

b) A actividade, proceso, produto ou servizo que vaian desenvolver debe ter un claro carácter innovador, con alto contido científico ou tecnolóxico, ter como obxectivo principal a aplicación de desenvolvementos tecnolóxicos no ámbito produtivo, de novo coñecemento aplicado, de resultados do avance científico e de I+D+i, ou nos cales a presenza de elementos intanxibles xeradores de valor sexa especialmente importante.

c) Ten que supor a creación dos postos de traballo de todas as promotoras.

d) As promotoras antes do inicio da actividade laboral deben estar desempregadas. No caso de empresas constituídas por máis dunha promotora, esta condición deberá ser cumprida, como mínimo, polo 50 % das promotoras.

e) A alta das promotoras no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional deberá formalizarse no período comprendido entre o 1 de agosto de 2023 e a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, ambos os dous incluídos. No caso de creación de emprego para traballadoras por conta allea, para que poidan ser tidas en conta para os efectos desta convocatoria, deberán formalizarse no prazo comprendido desde o 1 de agosto de 2023 e ata, como máximo, a data de finalización do prazo de xustificación da axuda.

f) Como mínimo, a promotora ou unha delas, cando sexan varias, debe ser unha persoa con titulación universitaria relacionada co ámbito da ciencia, do coñecemento ou da tecnoloxía en que se basea a iniciativa empresarial. Ademais, en todo caso, ten que gardarse a proporción dunha persoa con titulación universitaria por cada catro postos de traballo creados.

g) Non ter desenvolvido actividade empresarial na mesma actividade económica nos tres anos inmediatamente anteriores á data de efectos da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou na mutualidade de colexio profesional da nova actividade para a cal se solicita a axuda, segundo os datos que consten no informe de vida laboral emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, no certificado da mutualidade do colexio profesional.

Liña Concilia: obxecto, modalidades e contía dos incentivos

1. A liña Concilia é unha axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF que ten por obxecto favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral ou profesional, tanto das promotoras como das persoas traballadoras incorporadas á empresa, coas seguintes modalidades:

Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Os incentivos previstos para esta axuda só poderán concederse a aquelas empresas que os soliciten expresamente e que resulten beneficiarias de subvención por calquera das liñas Emprende, Activa ou ITEF previstas nesta convocatoria.

A modalidade Concilia-promotoras consiste nun incentivo de 3.000 euros por empresa, sempre que forme parte dela algunha promotora con filla/s ou fillo/s que na data de finalización do prazo de xustificación da axuda sexan menores de tres anos.

A modalidade Concilia-persoas traballadoras por conta allea consiste nun incentivo, por importe máximo de 5.000 euros por empresa.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240827/AnuncioG0762-140824-0001_gl.pdf

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI429A&ano=2024&numpub=1&lang=es

Scroll ao inicio
Skip to content