26/11/2024
A Asociación Cultural “Vagalumes”, con motivo da conmemoración do aniversario de Olimpio Arca Caldas e dentro do noso compromiso coa continuidade do seu labor de renovación pedagóxica e dinamización cultural, presentamos a VII Mostra de Teatro Escolar que leva o nome do homenaxeado. O mestre Olimpio Arca entendía o teatro como un complemento fundamental da docencia, así que lle deu un espazo primordial nas súas aulas.
As xornadas celebraranse no Teatro Principal da Estrada durante os días 26 e 27 de novembro ás 18:30 h, co seguinte programa:
Martes, 26 de novembro, ás 18:30 h:
CEIP do Foxo: “Xoana a sombra bulebule”
CEIP Figueiroa: “Bailamos ?”
CEIP Villar Paramá: “FERMOSA”.
CEIP Oca: “O Mago de Oca”
IES Avelina Valladares: – “O Tesouro do Castro”.
Mércores, 27 de novembro, ás 18:30 h:
CEIP Cabada Vázquez: “Porque o valgho eu!”
CEIP Pérez Viondi: “ A bolboreta Arlequina”
IES Antón Losada Diéguez: “A vida é un cásting”
IES Manuel García Barros: “Wombo Combo”
Sen dúbida, o teatro na escola é unha actividade moi importante para o desenvolvemento persoal e emocional do alumnado, idóneo para mellorar a capacidade comunicativa, para fomentar actitudes solidarias e de traballo cooperativo, para incrementar a creatividade e o sentido estético, para mellorar a integración no grupo e ao mesmo tempo avanzar na autonomía persoal… Convidamos a toda a veciñanza a asistir ás xornadas de teatro Olimpio Arca para gozar do teatro e apreciar o talento dos rapaces e rapazas, así como o do profesorado que os dinamiza e que se implica nun proxecto que, aínda que é emocionante e divertido, require moito esforzo e dedicación. A entrada é libre e gratuíta.