Concello da Estrada

“Premio Honorífico Labor Mulleres”

“Premio Honorífico Labor Mulleres”


08/03/2024

O Concello da Estrada concedeulle o XII Premio Honorífico ao Labor das Mulleres a Aurora Loureiro Baluja, natural de Toedo e veciña de Matalobos, polo seu exemplo vital ao desenvolverse profesionalmente nun eido tan tradicionalmente masculinizado como unha taberna no rural ao mesmo tempo que actuaba como piar familiar.

A candidatura de Aurora, proposta pola asociación veciñal de Santa Eulalia de Matalobos e Jesús Janeiro Villaverde, alcalde de barrio da parroquia, foi escollida onte por unanimidade polo xurado responsable da concesión deste distintivo.

O tribunal valorou o mérito do seu traballo nun “mundo de homes” como é unha taberna do rural, así como a súa valía e fortaleza para sacar adiante tanto un negocio como unha familia que continúa vixente a día de hoxe. Unha muller que conta co apoio da súa veciñanza do mesmo xeito que ela sempre axudou en todo o que puido a quen o precisara.

A entrega do premio levarase a cabo o vindeiro 8 de marzo nun acto público programado para as 20:00 horas no MOME.

 

Aurora Loureiro Baluja, exemplo de innovación e empoderamento

Nada no 1936 na parroquia de Toedo, Aurora casou con 22 anos e trasladouse a Matalobos onde traballou nunha taberna moi concorrida pola veciñanza de diversos núcleos do rural. Logo de quedar viúva ao pouco de inaugurar o negocio, Aurora púxose ao fronte tanto da taberna como dos seus 3 fillos.

Aos 34 anos acada o carné de conducir o que lle permite facer entregas a domicilio e do mesmo xeito, amplía a oferta do seu establecemento servindo comidas de diario.

Na actualidade a taberna segue en funcionamento, e serve de punto de encontro para moitas persoas de rural que se reúnen para pasar o seu tempo de lecer. Ademais, o enclave é un importante atractivo social dado que alí tamén se realizan actividades como a inscrición para as excursións parroquiais ou a venda de boletos para a festa dos callos, evento do cal foi unha pioneira e unha das súas principais defensoras.

Por todo isto, Aurora supón un exemplo non só de empoderamento ao ser quen de afrontar a súa actividade profesional nun contexto e nun ámbito tan masculinizado ao mesmo tempo que sacou adiante aos seus fillos, senón tamén desenvolve unha enorme labor social grazas ao seu establecemento.

.

Scroll ao inicio
Skip to content