Concello da Estrada

Almas na Gloria

Almas na Gloria


04/11/2023

O sábado 4 de novembro, no Teatro Principal da Estrada, organizado pola AC Vagalumes, o grupo Avelaíña Teatro porá en escena a obra Almas na Gloria. Este acto enmárcase dentro da homenaxe a Francisco Fernández del Riego, a quen se dedica este ano a festa das Letras Galegas.

O grupo Avelaíña Teatro ten a intención de espertar a conciencia social e entende que para conseguilo o teatro é un medio axeitado porque emprega múltiples linguaxes e comunica coas persoas espectadoras en todas as súas dimensións. O teatro que fai Avelaíña recrea a vida coa finalidade de desenmascarar a hipocrisia, a falsidade e a mentira.

Almas na Gloria é un relato de “memoria histórica” no que se presentan os episodios que aconteceron entre os anos trinta e setenta do século pasado, nos que Fernández del Riego tivo un protagonismo relevante. Nesa longa noite de pedra un grupo de intelectuais galeguistas teñen conciencia da situación de caídos, mais non se resignan á fatalidade do destino fascista senón que, na clandestinidade, buscan estratexias para reincorporarse e restaurar a lexitimidade republicana.

Os personaxes móvense nun escenario onírico de cemiterio, no que alternan entre o lusco da conciencia, de onde emerxen á luz como protagonistas da escena e o fusco do inconsciente no que se somerxen como sombras en movemento ou como bustos chantados agardando o tempo de metamorfosearse no novo personaxe da nova secuencia. Nese xogo de lusco e fusco, de aparecer como personaxe e de esmorecer nas sombras, van aflorando á memoria os episodios vividos nos anos de hisopos e pistolas.

.

Scroll ao inicio
Skip to content