Concello da Estrada

Couso recupera o seu Entroido tradicional coa vista posta en espallar o espírito do Carnaval por todo o municipio.

Tras a parada dos últimos anos, Couso volverá recuperar o seu Entroido tradicional. Así se confirmou, esta mañá, na presentación da cita, na que estiveron presentes o concelleiro de Cultura, Juan Constenla, a edil de Novas Tecnoloxías, Conectividade e Reto Demográfico, Lucía Seoane, e os membros da Asociación dos Xenerais de Couso, Aurora Lorenzo e Manuel Brey. O Entroido terá lugar o domingo, 11 de febreiro, e con el, buscarase, non só rescatar esta festividade tradicional, senón tamén atraer a xente doutras parroquias do municipio.

O Entroido levarase a cabo o 11 de febreiro, pero a súa realización estivo precedida por un extenso traballo que incluíu, entre outras tarefas, a busca de fotografías antigas coas que documentar, por exemplo, os traxes tradicionais (os dos coros dos vellos e os bonitos, os dos xenerais, etc.). Deste xeito, tal e como se indicou durante o acto de presentación, a idea da Asociación dos Xenerais de Couso é “recuperar o traxe de bonito, os chambergos (un gorro típico da festa), os traxes dos Xenerais, dos correos, etc.”.

O domingo, día 11, a comitiva do Entroido percorrerá todas as casas do Couso, levando a música e o baile a cada recuncho da parroquia. De feito, un dos elementos máis destacables desta nova edición será, precisamente, a interpretación da Danza do Entroido de Ulla, un baile que foi recuperado, hai uns anos, pola Asociación Cultural A Regionalista.
A cita incluirá tamén a realización dun xantar popular e o clásico Atranque dos Xenerais. O programa do Entroido incluirá, a organización de talleres para aprender a elaborar chambergos, colares e, por último, un obradoiro-charla sobre a Danza do Entroido de Ulla.

Os representantes da Asociación dos Xenerais de Couso indicaron que o obxectivo é “dar pé a outras aldeas e parroquias para que tamén recuperen os seus Entroidos”.

Scroll ao inicio
Skip to content