O Concello da Estrada e ACOE presentaron esta mañá a programación de actividades coas que dinamizar a actividade cultural e comercial durante este Nadal.
Os edís, Juan Constenla e Óscar Durán, acompañados polo secretario de ACOE, Jorge Fuentes, foron os responsables de despezar a ampla gama de propostas que terán lugar desde o vindeiro 19 de decembro ata o 5 de xaneiro.
Deste xeito, a V Gala do Deporte, programada para o 19 de decembro ás 20:00 horas no Teatro Principal dará comezo á programación de Nadal. Un día máis tarde, o 20 de decembro, celebrarase o Concerto de Nadal da escola da banda no Teatro Principal ás 19:00 horas.
O 22 de decembro haberá pasarrúas con Brassica Rapa a partir das 18:30 horas na rúa Calvo Sotelo, Serafín Pazo e Prazoleta e Concerto de Nadal do Obradoiro Carlos Barruso no Teatro Principal ás 20:30 horas.
O 23 de decembro haberá animación da man de ‘Os Piñeiriños’ na rúa Principal e Sala Abanca ás 18:30h e un novo Concerto de Nadal, desta vez por conta da Coral Polifónica Estradense no Teatro Principal ás 20:30 horas.
O día de Noiteboa, 24 de decembro, Papá Noel percorrerá as rúas estradenses desde as 18:00 horas.
O 26 de decembro terá lugar a presentación da Miscelánea no MOME ás 20:00 horas e De Cotío Gaiteiros animará o serán na rúa Principal desde as 18:30 horas.
A actuación de Moa Quinteto na Prazoleta ás 18:30 horas e a representación de Os 3 Porquiños, de Educa Teatro, no Teatro Principal ás 17:30 e 19:30 horas serán os animadores do 27 de decembro.
Pola súa parte, o 28 de decembro, a diversión virá da man de Filipa co Nadal, de Bandullo Azul na rúa Principal ás 18:00 e con Ce Orquestra Pantasma na rúa Principal, Sala Abanca ás 19:00 horas.
O 29 de decembro haberá dobre ración de actividades con O dentista, de Troula animación, na rúa Principal ás 18:30 e O Apalpador, de Os Monifates, na Prazoleta ás 19:30 horas.
O día 30 de decembro Fanfarria Taquikardia estará na rúa Calvo Sotelo, Serafín Pazo e Prazoleta ás 18:30 horas e o 31 de decembro A Estrada despedirá o ano con deporte da man da San Silveira BTT, con saída dende a Praza do Concello ás 09:30 e coa popular carreira de San Silvestre, ás 17:00 h no Concello.
O 2 de xaneiro daráselle a benvida ao novo ano con Galega de Bailables, na Prazoleta, ás 18:30 e coa obra Cuento de Navidad, no Teatro Principal, ás 17:30 e ás 19:30 horas.
Pola súa parte, o 3 de xaneiro, haberá un Obradoiro de música tradicional na rúa Ulla ás 18:30 horas, mentres que o día seguinte, 4 de xaneiro, o público poderá goozar con Paxes Reais, de Troula animación, na rúa Calvo Sotelo, Serafín Pazo e Prazoleta ás 18:30 horas e con Fartura de Nadal, de Rilo&Penadique, na rúa Principal, Abanca, ás 18:30 horas.
O véspera de Reis, 5 de xaneiro, as súas Maxestades de Oriente farán a súa cabalgata pola Estrada desde as 18:00 horas.
Sorteos de agasallos por un valor de máis de 20.000 euros
O secretario de ACOE, Jorge Fuentes, sinalou que este ano sortearanse premios por un valor superior aos 20.000 euros, cos que o Concello colabora a través dunha aportación extraordinaria a ACOE, entre os consumidores dos negocios locais. Polo tanto as persoas que realizan unha compra de 20 euros recibirán unha participación enviando unha fotografía lexible do ticket por Whatsapp ao número 613 885 082. Na imaxe debe verse o nome do local, o importe e a data de compra.
Os premios incluirán un Audi A1 seminovo, que permanecerá exposto na praza do Concello, unha viaxe valorada en 1.000 euros, escoba aspiradora con autovaciado, un iPhone14, un portátil gaming, unha Nintendo Switch, un carro da compra valorado en 300 euros, unha tarxeta de combustible valorada en 300 euros e dúas cestas de nadal valoradas cada unha delas en 600 euros.
Tamén se habilitará unha ludoteca para os máis cativos no segundo andar do novo mercado e presentando os recibos de compra faranse descontos nas entradas tanto a este espazo como ao parque de Nadal que se instalará na Alameda.
Ademais, o concelleiro, Óscar Durán, adiantou que a previsión é que o alumeado de Nadal sexa inaugurado este vindeiro martes, 5 de decembro, a partir das 18:30 horas.