Concello da Estrada

A Estrada publica o listado de clubs e deportistas nominados na ‘V Gala do Deporte Concello da Estrada 2023’

O Concello da Estrada fai públicos hoxe os candidatos e candidatas que optarán ás diferentes categorías na V Gala do Deporte, o vindeiro 19 de decembro.

O xurado reuniuse onte para aprobar as nominacións propostas polo departamento de Deportes en cada categoría e para deliberar o gañador en cada unha delas. Os resultados daranse a coñecer na gala, sumados ao xa coñecido recoñecemento ao doutor Juan José Cota, xefe dos servizos médicos do Real Club Celta de Vigo.

Ademais, concederanse tres mencións honoríficas a tres persoas ou clubs vencelladas co ámbito deportivo local que tamén se farán públicos durante a gala.

Deste xeito, o triatleta, Adrián Picallo, o piloto, David Vázquez e o atleta, El Mehdi El Nabaoui pelexarán por facerse co galardón ao mellor deportista masculino deste ano.

Pola súa parte, Carmen Escariz, Dori Carbia e Raquel Miguens farán o propio na modalidade de mellor deportista feminina.
Na categoría de mellor deportista masculino sub-18 concorrerán Darío Míguez, do Club Bádminton A Estrada, Samuel Tato, atleta do Club Judo Base, e Pablo López do Club Tenis RC. Pola contra, en feminino, as candidatas son Iziar Barcala, do Club Bádminton A Estrada, África Loureiro, do Club Budoyama Kárate e Natalia Rivas, atleta de marcha atlética.

Os propostos para a distinción de deportista ou club revelación 2023 son a atleta, Arauia Al Bachere, a tenista Candela Fajardo e o loitador Joel Castro.

Pola súa parte, Xaquín Baldomir, técnico do Club Judo Base, Miguel Sánchez, do Club Tenis RC, e Manu Brea, do Club Bádminton da Estrada, son os nominados a mellor adestrador.

No referente ao mellor clubs de base, os candidatos son o Club Tenis de Mesa Top Spin, que durante este ano contou con 30 licencias, o Atletismo A Estrada, con 106 licencias, e o Club Judo Base, que dispuxo de 90.

O premio ao mellor equipo rifarase entre o CNS cadete masculino, o equipo máster do Sincroburbullas e o conxunto benxamín A do EEFB.

As entidades nominadas para recoñecer o seu apoio ao deporte local son Strada CB, Edente Estudio Dental e Grupo Habita Servicios/Inversia Insurance.

Finalmente, tamén se resolverá cal foi o mellor evento deportivo do 2023 entre o XVIII Memorial Manuel Coto Ferreiro que enfrontou ao Estrada Futsal co Pescados Rubén Burela F.S, a XXV Ruta BTT do Salmón, na que este ano se deron cita 520 participantes, ou o Campionato Galego de Ximnasia de Trampolin que contou coa participación de ximnastas mundialistas.

Scroll ao inicio
Skip to content