Concello da Estrada

A Estrada acollerá a concentración da selección española de voleibol sub-17 como antesala dos vindeiros compromisos internacionais

O Concello da Estrada reafirma a súa posición como referente deportivo autonómico coa acollida das concentracións dos combinados nacionais sub-17, tanto masculino como feminino, de voleibol.

O alcalde, José López Campos, e o director técnico da Federación Galega de Voleibol e técnico da Selección Española Sub-17 feminina, Juan Carlos Suárez, foron os responsables de presentar esta mañá a concentración que ambos conxuntos realizarán na Estrada.
A selección masculina Sub-17 reunirase do 17 ao 23 de decembro para un período de concentración no municipio estradense, sumándose o combinado de Portugal, co cal se enfrontarán en amigables programado para os días 20 e 21 ás 18:00 horas e o 22, ás 10:30 horas, todos eles no Manuel Coto Ferreiro.

Mentres tanto, a selección feminina Sub-17 concentrarase do 23 de decembro ata o 2 de xaneiro, e disputará un encontro contra a selección de Francia o xoves 28 de decembro ás 18:00 horas no pavillón Manuel Coto Ferreiro. Esta concentración servirá de preparación para o Torneo WEVZA da súa categoría que terá lugar do 2 ao 8 de xaneiro en Herentals, Bélxica, previo o Campionato de Europa da categoría.

Durante este período, os xogadores e xogadoras integrantes da expedición aloxaranse nas instalacións de AGASP e realizarán as súas sesións de adestramento no pavillón Manuel Coto Ferreiro, en baseo convenio do Concello da Estrada coas federacións deportivas.

A entrada para todos os encontros programados será libre e gratuíta, buscándose con esta medida, promover a participación e o apoio da veciñanza, achegándolle a todas as persoas que desexen acudir deporte base de elite cunha nutrida participación de deportistas galegos.

Scroll ao inicio
Skip to content