Concello da Estrada

A Estrada acollerá o 21 de marzo a estrea da obra de teatro ‘Go Home’ coas entradas a un prezo reducido

• A obra, dirixida por Tito Asorey e que conta cun elenco integrado por artistas como David Amor ou Josito Porto, estrearase no Principal o 21 de marzo ás 20:30 horas.

• Hoxe tivo lugar a presentación da función, cuxas entradas xa están á venta por un prezo de sete euros, tanto en ataquilla.com como no departamento de Cultura do Concello.

A veciñanza estradense terá o privilexio de ser a primeira en poder gozar de ‘Go Home’, a comedia teatral producida por David Amor e dirixida por Tito Asorey.

A función, que chegará ao Teatro Principal o vindeiro 21 de marzo ás 20.30 horas, foi presentada esta mañá nun acto no que o edil de Cultura, Juan Constenla, estivo acompañado polo director, Tito Asorey, os intérpretes, David Amor e Josito Porto, e por Melania Cruz, que se desenvolveu como axudante de dirección.

Durante a súa intervención, o responsable da área de Cultura, agradeceu o traballo desenvolto por todo o equipo responsable da obra e fixo un convite “tanto á veciñanza estradense como á de toda a contorna para gozar dunha obra que supón unha exaltación ao teatro”. Pola súa parte, David Amor, intérprete e produtor, puxo en valor “o gran traballo levado a cabo en materia cultural polo Concello da Estrada, motivo polo cal decidimos realizar a estrea aquí e non nunha gran cidade como se adoita facer”.

O director, Tito Asorey, adiantou a trama de ‘Go Home’, unha comedia negra construída sobre un texto de José Prieto con tintes de crítica social que trata a masificación do turismo como unha dialéctica na que os beneficios económicos confrontan coa perda de identidade.

As persoas que desexen acudir á estrea xa poden facerse coas súas entradas en ataquilla.com ou no departamento de Cultura por un prezo de sete euros, un importe reducido en comparación ao do resto de representacións da xira.

Scroll ao inicio
Skip to content