Concello da Estrada

Éxito do modelo de carsharing con case 35.000 quilómetros percorridos ao longo do ano 2023

  • A iniciativa, posta en marcha en febreiro do ano pasado, sumou un total de 454 reservas e unha distancia de 34.559 quilómetros. 
  • O vehículo eléctrico promedia uns 76 quilómetros por cada reserva realizada. 

O Concello da Estrada fai balance dos datos obtidos do servizo de carsharing posto en marcha en febreiro do ano pasado. As cifras evidencian o éxito da iniciativa, dado que desde a súa entrada en funcionamento o vehículo eléctrico foi reservado un total de 454 veces percorrendo unha distancia total de 34.559 quilómetros.

A iniciativa, integrada no PLAN VIVE, a través do cal Hyupersa cedeu un vehículo eléctrico, modelo Hyunday Kona, para o seu emprego por parte da veciñanza empadroada co Concello da Estrada, reafirmou o compromiso do goberno local pola promoción dunha maior sustentabilidade a través da redución das emisións de gases de invernadoiro.

Deste xeito, as cifras anuais ratificaron a tendencia positiva que presentou o balance realizado no ecuador do 2023, concretamente no mes de xuño, cando o automóbil sumaba ao redor dos 13.000 quilómetros e 300 reservas.

Os veciños e veciñas que desexen seguir facendo emprego do servizo do vehículo eléctrico, instalado na avenida Benito Vigo, poderán continuar beneficiándose do mesmo aboando unha tarifa de cinco euros por hora de uso durante as catro primeiras horas, e en adiante aplicarase unha tarifa plana cunha contía máxima de vinte euros ao día.

As reservas poden realizarse a través da app Vive Hyundai, e a través delas os usuarios poderán desprazarse durante un máximo de 24 horas nun radio de 170 quilómetros.

Scroll ao inicio
Skip to content