Concello da Estrada

A Estrada despedirá o 2023 coa XIII San Silvestre e a II San Silveira, ambas en favor de Cáritas

O Concello da Estrada programa unha dobre sesión deportiva para despedir o ano 2023 con actividade física e solidariedade.

Deste xeito, o día 31 de decembro abrirá coa II San Silveira, unha subida BTT ao Monte Cabalar programada para dar comezo ás 09:30 horas desde a praza do Concello. A actividade, catalogada de dificultade media, terá un percorrido de 20 quilómetros e a idade mínima para participar é de 10 anos, debendo estar acompañados os menores por un adulto durante o transcurso da mesma.

No alto do Monte Cabalar haberá avituallamento con chocolate e churros para as persoas asistentes.

O mesmo día, a partir das 16:00 horas, dará comezo a recollida de dorsais para a XIII Milla San Silvestre Estradense. A proba discorrerá nas categorías de pitufos, con inicio ás 17:00 horas e un percorrido polas inmediacións da praza da Feira.

Pola súa parte a categoría prebenxamín ata infantil correrá por un circuíto urbano con saída desde a praza do Concello, pasando pola rúa Serafín Pazo, praza da Farola, rúas Calvo Sotelo, Castelao e Irida, e chegada de novo ao punto de comezo. O percorrido terá unha distancia de 800 metros e darase unha soa volta ao mesmo.

Os participantes na carreira de cadetes ata veteranos realizarán o mesmo traxecto, ao cal deberán dar 2 voltas, elevando a distancia a 1.6 quilómetros.

Ao rematar todas as carreiras das distintas categorías, realizarase o sorteo dos agasallos segundo o número de dorsal. Para participar nos sorteos dos agasallos que se farán na chocolatada é obrigatorio levar o dorsal visible. Ademais, todos os participantes poderán gozar da degustación de chocolate quente e produtos de repostería nos soportais do Concello, e premiaranse tanto o disfrace máis orixinal como o grupo máis numeroso co mesmo disfrace.

Recollida de alimentos para Cáritas

A recollida dos dorsais para ambas actividades deberá ser precedida da doazón dun quilogramo de alimentos non perecedoiros que serán destinados a Cáritas Parroquial A Estrada, dentro da Operación Quilo de Nadal 2023.
As inscricións serán de balde e poderán realizarse ata o vindeiro 27 de decembro a través da web http://www.emesport.es.

Scroll ao inicio
Skip to content