Concello da Estrada

O Teatro Principal exalta o emprego da lingua galega na entrega dos XXXII Premios San Martiño

O Teatro Principal da Estrada acolleu este serán a entrega da trixésimo segunda edición do Premios San Martiño de normalización lingüística, promovidos polo Concello da Estrada.
Na entrega de premios estiveron presentes Antonio Sanmartín Chao, propietario da Pastelería Mimela, Esther Estevez, presentadora do programa Dígocho Eu, e Xaquín Espiño, artesán de gaitas e dono do obradoiro de gaitas García de Riobó, en representación das agrupacións premiadas este ano.

Deste xeito, o Concello da Estrada recoñeceu co premio á difusión da lingua na comarca de Tabeirós- Terra de Montes á Pastelería Mimela pola súa firme defensa do idioma tanto no municipio como na comarca, así como polo seu emprego de produtos naturais e locais, cun proceso de produción artesanal e sostible.

O espazo da TVG Dígocho Eu, presentado pola verinense Esther Estévez, recibiu o galardón á normalización no ámbito galego por achegarlle á mocidade as pautas normativas do galego, dun xeito cercano, sendo un estímulo para a participación lingüística da xente máis nova e de toda a comunidade educativa galega.

Finalmente, o premio á normalización a toda unha vida recoñeceu a enorme traxectoria do obradoiro de gaitas García de Riobó, unha estirpe de artesáns cuxa orixe se remonta a finais do século XVIII cando Joaquín García Rey lle deu vida. O negocio que este ano pon punto e final á súa andadura foi un elemento clave para a difusión da música, a cultura e a fala de Galicia.

Scroll ao inicio
Skip to content