Concello da Estrada

Lectura pública "Memorias dun esquelete"

Lectura pública "Memorias dun esquelete"


31/10/2023

O próximo martes 31 de outubro, ás 20:00 h. na rúa principal da Estrada (e en caso de que chova, na sala Abanca), a AC Vagalumes organiza unha lectura pública da novela breve de Castelao Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Este acto enmárcase nunha iniciativa de Galiza Cultura, federación de asociacions culturais de Galiza. Trátase dunha actividade aberta e pública; polo que convidamos a todas as persoas que o desexen a achegarse para escoitar ou para realizar a lectura dun fragmento da obra.

No momento actual, en que os costumes foráneos se superpoñen e substitúen as tradicións galegas en relación á celebración do día dos defuntos, dende a AC Vagalumes queremos poñer en valor a nosa propia cultura, a nosa literatura e tamén a nosa particular interpretación do tema da morte e do Alén.

No ano 2022 cumpriuse o centenario da publicación de Un ollo de vidro, na editorial Céltiga, dirixida en Ferrol por Xaime Quintanilla. Céltiga naceu no seo das Irmandades da Fala coa intención de achegar a literatura galega ao público en xeral, editando textos narrativos de pequena extensión, prezo asequible e argumentos sinxelos de fácil lectura.

O tema da obra é o do esquelete que pode ver a través dun ollo de vidro que para nada lle valera en vida. E así vainos narrando diversos episodios que observa no cemiterio e sobre os que fai as súas propias reflexións. Pero a Castelao interesáballe o mundo dos vivos moito máis que o dos mortos, por iso Un ollo de vidro encerra unha lectura simbólica: o ollo que leva o esquelete serve para ver, interpretar e diagnosticar o mundo dende unha óptica progresista e nacionalista, invitando os lectores á reflexión.

Un ollo de vidro é un texto irónico e humorístico e ao mesmo tempo cargado de lirismo e emotividade. A celebración da noite de defuntos é un bo momento para achegármonos á súa lectura. Estades todos e todas convidados.

.

Scroll ao inicio
Skip to content