Concello da Estrada

Cultura

Maceira, Xosé Manuel

Biografía

Orazo ( A Estrada)- 1.964

 

“ Nos primeiros días do 64, Nikita Kruschef  facía un chamamento mundial co fin de renunciar ao emprego da forza para resolvermos problemas de orde politíca; o presidente Lyndon Johnson, na primeira intervención no Congreso dos EEUU, afirma que o principal obxectivo do seu mandato será un mundo sen guerra, denuncia unha redución do gasto militar e aproba mil millóns de dólares para loitar contra a pobreza.

O catro de xaneiro, o Papa Paulo VI visita Terra Santa e Xordania. En Santiago, aínda retumbaba a denuncia de estudantes e intelectuais dirixida ao Ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga, pedindo responsabilidades e unha investigación seria sobre o asasinato de Julián Grimau e o poeta Manuel Barranco.Iníciase o apoxeo da emigración europea, comeza a baixa da poboación do rural, cunha forte caída da natalidade. Neste ano fúndase a UPG, o PSG celebra o primeiro ano de actividade política, morre Suárez Picallo no exilio e Leandro Carré da un curso, moi numeroso, de Lingua Galega na Coruña;  a pesar das trabas, finalmente, con autorización oficial.  1.964, ano de esperanza nun tempo mellor, de moito traballo e un neno que chegaba entre os cantos de Reis, polo menos na miña casa.

 

Na vella escola unitaria descubrín a maxia dos libros,a alegría luminosa da cultura.

O estudo sería unha saída; eu víao como unha aventura, unha aprendizaxe para comprender o universo desde a doce sombra dos frutais, na nosa eira.

 

Medrei na aldea, e con doce anos marchei con meus pais pa  O Covelo. Nas vacacións e nalgúns fins de semana regresaba a Orazo coas emocións doloridas, sentía as amizades esvaecidas case como un transterrado.De neno e mociño, cruzaba a doce  e máxica Pontevedra na travesía dos fins de semana, desde o noso no val da Ulla Alta até Mondariz e ao Covelo.Cidade velle, mariñeira, pirata, culta e delicada;

Sempre me semellou o centro do mundo. Rematei os estudos básicos no Covelo, nun colexio enorme que tiña de todo. Un profesor deunos unhas cativas follas voantes, que aínda conservo, para que as levásemos á casa en 1.977. Era propaganda nacionalista para Eleccións Xerais co lema “ ¡¡¡ Gobernemos nós a nosa terra!!!”, desde aquela sempre me sentín vinculado ao nacionalismo. Fixen o Bacharelato na húmida e bretemosa Ponteareas e, de volta, na Estrada. Na Universidade Santiaguesa licencieime en Filoloxía Hispánica, na especialidade de Galego-portugués; sendo estudante, fun bolseiro do Instituto da Lingua Galega e ampliei estudos na Facultade de Letras da Universidade de Lisboa.

 

Aos vintetrés anos incorporeime á docencia do ensino medio, exercendo como profesor de Lingua Galega e Literatura nos institutos Santo Tomé do Freixeiro e Santa Irene de Vigo, do Ramón Cabanillas de Cambados e do IES de Cacheiras, do que fun secretario.

A docencia foi compaxinada coa investigación,  a escritura e os estudos académicos, como a realización da tese de licenciatura ou os cursos de doutoramento; na actualidade, último a redacción da tese doutoral que se presentará en breve.”

A título individual publicou A LITERATURA GALEGA NO EXILIO. CONSCIENCIA E CONTINUIDADE CULTURAL ( Ed. do cumio, 1.995) e posteriormente LITERATURA NA DIÁSPORA BONAERENSE. ANTOLOXÍA ( Ed. ASPG-A Nosa Terra, 1.997).  Pero o seu labor divulgativo verase ampliado en diferentes colaboracións e obras colectivas. Así  comezará con

“ Aspectos fonéticos e morfolóxicos na obra de Castelao” ( Actas do Congreso Castelao, Universidade de Santiago, 1.989) en colaboración con Gómez Clemente e García Fonte. Máis tarde será autor da unidade “ Literatura no exilio ( II). O activismo cultural na diáspora bonaerense”, inserida na HISTORIA DA LITERATURA GALEGA ( ASPG-A Nosa Terra, 1.996). E continuará con

“ A literatura galega no exilio” nos DIÁLOGOS NA CASA DE ROSALIA

( Fundación Rosalía de Castro, 1.999). Asimesmo será autor do prólogo e encargado da edición da obra de Emilio Pita POLOS CAMIÑOS DO POBO ( Ed. do castro, 1.999) e autor do limiar e da edición de POEMAS E CANTIGAS/ RETESÍA

( Espiral Maior, 2.004) de Emilio Pita. Tamén serán asiduas as súas colaboracións con artigos varios en diferentes xornais e revistas, coma O Correo Galego, La Voz de Galicia…

Scroll ao inicio
Skip to content