Imagen Cabecera Común

Prohibido o paso para camións e autobuses nun tramo de Serafín Pazo e na Rúa Alfonso Varela Durán

A xefatura da Policía Local da Estrada anunciou cambios que afectan á circulación no casco urbano, concretamente para os autobuses e o tráfico pesado. As brigadas municipais deixaron xa esta mañá instalada a nova sinalización vertical que recolle as variacións circulatorias nun dos tramos da Rúa Serafín Pazo e tamén na Rúa Alfonso Varela Durán. Námbalas dúas queda prohibida a circulación de autobuses e camións.

Deste xeito, o transporte de viaxeiros non poderá empregar ningún destes accesos no momento de encamiñarse ou saír da estación de autobuses, como vén sucedendo ata o de agora.

A medida adoptada pola Policía Local busca incrementar a seguridade viaria nestas dúas rúas estradenses. No caso do tramo da Serafín Pazo que discorre por diante do Teatro Principal, sinálase a elevada concorrencia de peóns, non xa só pola proximidade deste espazo municipal, senón principalmente porque o cruce desta rúa coa Avenida Benito Vigo está moi preto do acceso á demandada área de estacionamento público situada a carón do teatro e tamén próximo a unha clínica, de xeito que o tránsito peonil é constante. A este contexto súmase que as beirarrúas neste tramo da rúa son estreitas.

Similar é a situación da Rúa Alfonso Varela Durán, cun paso de peóns xusto no cruce. Deste xeito resolveuse que tanto a entrada como a saída de autobuses dende a estación se artelle unicamente a través da Rúa Matadoiro.

Instalados os sinais, os cambios en materia de circulación teñen efectos inmediatos.

Scroll ao inicio
Ir o contido