Concerto de solistas da Banda Municipal da Estrada

O Teatro Principal da Estrada erguerá este domingo, 23 de marzo, o pano para amosar aos integrantes da Banda de Música Municipal da Estrada sobre o escenario. Será no Concerto de Solistas que ofrecerá a formación baixo a batuta de Álvaro Varela Ferradáns.
O espectáculo arrancará ás 19.00 horas. Os músicos da banda acompañarán aos tres intérpretes solistas que protagonizarán o concerto deste ano. Un deles será o gañador de 2024, Brais Fernández Bascuas, músico de 12 anos que toca a trompeta. Os outros dous serán Víctor Bascuas Sanmartín (toca o trombón e vén de rematar o Grado Superior) e Adrián Silva Magdalena (é integrante da Banda de Música Municipal da Coruña, profesor no Conservatorio Histórico de Santiago e tocará a frauta traveseira).
O concerto estará presentado po Damián Cortés, músico da Banda Municipal da Estrada que regresou á entidade tras estaren un tempo ausente das actuacións. En canto ao repertorio, Brais Fernández interpretará “El Cid”, unha peza de Bert Appermont inspirada no lendario cabaleiro e heroe popular Rodrigo Díaz de Vivar. Despois dunha apertura tipicamente española, seguirán unha sección máis lenta que recolle elementos do popular concerto de Aranxuez e do coñecido Adagio de Albinoni. Remata cun potente acelerado que pecha a obra.
Pola súa banda, Víctor Bascuas escolleu “T-Bone Concerto”, de Johan de Meij. É unha das obras cumio deste compositor, que foi trombonista profesional, polo que coñece de primeira man as posibilidades e recursos deste instrumento.
A isto engádese a súa valía como compositor. A peza interpretouse en tódolos recunchos do mundo e é de estudo obrigado en moitos conservatorios.
Finalmente, Adrián Silva interpretará unha peza de estrea absoluta. Trátase de “Fantasía concertante para frauta e banda”, de Xosé Carlos Seráns Oliveira, compositor que estará presente o domingo para desfrutar do concerto. A obra está inspirada nas vivencias e no enorme vínculo que o autor tivo e teu coa súa filla frautista, Lucía Seráns. Aínda que a linguaxe musical tende ás veces á modernidade, en xeral a inspiración da obra está na música popular e tradicional galega. Carlos Seráns é tubista profesional, exercendo dende hai décadas na Banda Municipal de Santiago. Tamén é director e compositor e foi sempre un gran dinamizador da música e dos músicos galegos.
O programa do concerto reserva tamén outra peza alegre e festiva, “A Festa das trompetas”, de Leroy Anderson. Nela, os trompetistas deberán despregar moitas das posibilidades técnicas do seu instrumento, en especial a rápida articulación.
A Banda Municipal da Estrada aproxímase actualmente aos 70 músicos, cunha media de idade que se sitúa nos 20 anos.
A entrada ao concerto é libre, ata completar o aforo.