Xunta de Galicia convoca as axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clase A2 e B á mocidade galega
CONSELLERÍA DE CULTURA, LINGUA E XUVENTUDE
ORDE do 8 de agosto de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases A2 e B á mocidade galega e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento BS321A).
O gasto subvencionable é a suma a prezo global de obtención dos permisos de condución obxecto desta orde, baseado no prezo medio de mercado na Comunidade Autónoma de Galicia para cada tipo de carné.
O importe da axuda será de 150 euros para a obtención do permiso de condución de clase A2 e de 400 euros para o permiso de condución de clase B. O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención dos dous permisos obxecto da orde.
Poderán solicitar as axudas as persoas mozas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da súa solicitude:
a) Ter feitos os 18 anos de idade e non ter feitos os 31.
b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.
c) Non estar traballando por conta propia nin allea. Enténdese que están traballando por conta propia ou allea aquelas persoas que estean en situación de alta nalgún réxime da Seguridade Social ou nunha mutualidade de previsión social, coa excepción de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da lei xeral da Seguridade Social.
d) Ter aprobado o/s permiso/s de conducir para o/s cales se solicita esta axuda con data de expedición entre o 1 de outubro de 2024 e a data de presentación da solicitude.
e) Que a suma dos ingresos anuais dos membros da unidade familiar sexa igual ou inferior a cinco veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) de 2025, no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal. ONTEN A CHAVE 365 e poderás tramitalo dun xeito rápiudo e sinxelo. No caso da ESTRADA dancha no CENTRO DE SAÚDE ou no CENTRO COMARCAL (ao lado de Protección Civil).
DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR:
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, se é o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro modo válido en dereito. O modelo normalizado pode descargarse na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/
b) Autorización temporal para conducir expedida pola Dirección Xeral de Tráfico, no caso de que a persoa solicitante teña aprobado o/s carné/s obxecto da solicitude pero o documento aínda non fose expedido. Esta xustificación debe conter a data de obtención do permiso, que debe estar no intervalo recollido no artigo 5.d).
c) O/s certificado/s de empadroamento histórico que acredite/n a antigüidade mínima exixida no artigo 5, no caso de que a última variación padroal sexa inferior a 1 ano.
d) Convenio especial, acordo específico para o desenvolvemento da actividade formativa ou documento análogo que acredite a realización das prácticas formativas ou académicas, para o caso de alumnos e alumnas que realicen prácticas formativas ou prácticas académicas externas incluídas en programas de formación previstas na disposición adicional quincuaxésimo segunda do Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de seguridade social.
e) Certificación literal de nacemento de cada persoa membro da unidade familiar ou libro de familia. Neste último caso, copia de todas as follas do libro de familia en que figuren todas as persoas que compoñen a unidade familiar. A determinación das persoas membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente na data de presentación da solicitude.
f) Acreditación da relación matrimonial ou análoga á conxugal, de ser o caso.
g) Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) de non ter a obriga de declarar, se é o caso.
h) Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas cando forme parte de unidades familiares compostas por máis dun membro, que deberá achegar debidamente cuberto e asinado por todas as persoas que compoñan a unidade familiar.
O prazo de presentación solicitudes será dun mes, que se contará desde o día 25 de agosto de 2025 ás 9.00 horas ata o día 25 de setembro de 2025 ás 20.00 horas
Se precisas AXUDA PARA A SÚA TRAMITACIÓN, desde o DEPARTAMENTO DE XUVENTUDE do Concello da Estrada botámosche unha man. Pásate polas nosas oficinas sen necesidade de cita previa (1º andar) ou chámanos ao teléfono 986 677 740 en horario de 9.00 a 14.00 horas.
https://www.xunta.gal/dog/