Cultura
Varela Buxán, Manuel Daniel
Biografía
Nace no lugar de Sanlouzáns – Lamas ( A Estrada) no ano 1.909. Aos tres anos levarano para o lugar do Carballal, na mesma parroquia, a vivir con Dª Pilar Figueiras, quen o coidará ata o ano 1.919. Do ano 1.915 ao 1.919 irá á Escola Unión de Rubín ( A Estrada). Alí comezará coas súas primeiras lecturas dos clásicos galegos e de fóra. Do ano 1.919 ao 1.920 trasládase a Cádiz onda o seu padriño. No 1.921 finou Dª Pilar Figueiras e el irase vivir cos seus pais ao lugar das Pallotas, en Cercio ( Lalín), polo que pasou a ser coñecido co nome de “ Daniel das Pallotas”.
No 1.930 embarcará en Vilagarcía cara á Arxentina, travesía na que comezará a escribir a súa primeira peza teatral. Alí porase a traballar de garda de tranvía e posteriormente nos máis variados traballos, e tamén rematará a obra que principiara no barco.
Tamén formará parte do coro “ Lembranzas da Terra”, mentres matinaba na creación dunha compañía teatral. Chegou a formar un grupo e comezou cos ensaios da súa obra
“ Se ou sei… non volvo á casa”. A súa compañía vaise converter na primeira compañía profesional de teatro galego e actuará nos mellores teatros da Arxentina e asimesmo no Teatro Solís de Montevideo.
Por fin no 1.938 a “ Compañía de Arte Regional Gallego Aires da Terra” porá en escena a súa primeira obra. Esta compañía máis adiante mudará de nome, pasando a chamarse
“ Compañía Galega Maruxa Villanueva”, a que irá pondo en escena asdiferentes obras teatrais que ían saíndo da pluma de Varela Buxán. Esta mesma compañía será a que o 14 de Agosto do 1.941 estreará no Teatro Mayo de Buenos Aires “ Os vellos non deben de namorarse” do seu gran amigo Castelao co propio Varela Buxán á cabeza na dirección. O mesmo Castelao lle dará o seudónimo con que el adoitaba referirse a el:
“ o filósofo do arado”. Ese mesmo ano casará con Maruxa Villanueva ( María Isaura Vázquez Blanco), da que se separará no ano 1.945. No ano 1.950 Varela Buxán voltará á súa Galiza. Do 51 ao 53 estudará o bacharelato elemental no Instituto de Ourense e despois cursará a carreira de Técnico Sanitario na Facultade de Medicina de Santiago de Compostela. No 1.966 volverá contraer matrimonio, desta vez con Dª Luísa García Santoandré. No ano 1.974 recibirá en Sarria o premio “ Meigas e Trasgos”. No ano 1.977 será nomeado Fillo Adoptivo de Lalín, polo Concello de Lalín. No 1.983 voltará de viaxe a Buenos Aires onde recibirá a homenaxe do Patronato da Cultura Galega de Montevideo, na Biblioteca do Centro Galego de Buenos Aires. No ano 1.985 recibirá unha fonda homenaxe polo Concello da Estrada. Finou o 25 de Setembro do 1.986. No
Ano 1.996 o Concello de Lalín organiza o 1º Premio de Relato Curto “ Varela Buxán”. E no ano 1.998 o Concello da Estrada adicaralle ese ano á memoria da súa figura.
A súa primeira obra comezou a escribila xa no mesmo barco que o levou á Arxentina e titulábase SE OU SEI…NON VOLVO Á CASA, obra que se porá en escena no ano 1.938. No ano seguinte estrearase a súa obra POLA NOSA CULPA.
Tamén este mesmo ano será posta en escena a súa peza GALICIA CANTA. No ano 1.940 estreouse a obra ¡ POR BORRACHÍNS! ; asimesmo porase por primeira vez en escena este ano a obra A XUSTIZA DUN MUIÑEIRO, nun festival en honra a dona Virxinia Pereira de Castelao.
O ano 1.941 posiblemente sexa o ano máis prolífico no seu quefacer teatral,así estreáronse as súas obras TABERNA SIN DONO, O BRAZO PARTIDO, AS TRES MARUXAS, MEU PAI, TRISTE RETORNO e O FERREIRO DE SANTÁN. Pero tampouco se pode pasar por alto que a súa compañía e el mesmo como director puxeron en escena por primeira vez a obra clásica da nosa literatura do seu gran amigo Castelao “ Os vellos non deben de namorarse”.
Xa de volta á súa terra, no ano1.956, porase en escena por primeira vez a súa obra ¿PISTA OU PESTE?
No ano 1.971 escribirá o prólogo á obra “ Gándaras”, primeiro libro de poemas do seu amigo Xosé Vázquez Pintor.
No ano 1.975 publicaranse nun libro as súas obras O FERREIRO DE SANTÁN e TABERNA SIN DONO ( Edicións Celta, 1.975). No ano1.977 sairán á luz nun libro as súas obras A XUSTIZA DUN MUIÑEIRO e SE OU SEI NON VOLVO Á CASA ( Impr. Paredes, 1.977).
No ano 1.981 publicáronse nun libro, baixo o título de O CEGO DE FORNELOS E OUTRAS COMEDIAS CURTAS, DIÁLOGOS E MONÓLOGOS as obras O CEGO DE FORNELOS, TRISTE CHEGADA; OS CASADOS DE POUCO; ¿ PISTA OU PESTE?; DE MULLERES…NON ME FALES; ¡ MEU PAI! ; SALAIOS DUN VELLO LABREGO ( Impr. Paredes, 1.981).
X postumamente sairán de novo á luz a súa obra ¿ PISTA OU PESTE? ( Edicións Fervenza, 2.003) e GRACIAS, PADRE RAMÓN ( Seminario de Estudios Deza, 2.004), tradución e adaptación de Xosé Luna, obra quefora escrita en castelán e posta en escena por primeira vez no ano 1.943 e tamén publicada no ano 1.987 ( Imprenta Gráfica La Plana).