Cultura
Premio de Novela "Manuel García Barros"
PREMIO DE NOVELA «MANUEL GARCÍA BARROS»
O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Excmo. Concello da Estrada en colaboración coa Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXXVI PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes:
BASES XXXVI PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS”
PRIMEIRA
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
SEGUNDA
Os orixinais serán presentados por quintuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañadas dun CD ou pendrive no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 24 de febreiro de 2024 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra)
TERCEIRA
Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
CUARTA
O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan.
O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2023, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2024, en concreto, na aplicación orzamentaria 2024/01/330/48100.
QUINTA
O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
SEXTA
As presentes bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.
O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.
SÉTIMA
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
OITAVA
Unha vez emitida a resolución do xurado, arredor do 11 de abril, día do falecemento de Manuel García Barros, procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente.
NOVENA
O premio poderá ser declarado deserto.
DÉCIMA
O acto de entrega do devandito XXXVI PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), será no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
UNDÉCIMA
O Excmo. Concello da Estrada resérvase, durante o prazo dun ano, os dereitos de publicar a obra premiada, en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. Neste sentido, o autor ou autora renuncia a favor do Concello da Estrada, na primeira edición en papel, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. A obra premiada será publicada pola Editorial Galaxia.
DUODÉCIMA
Os textos non premiados poderán ser retirados no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, previa presentación de solicitude, por correo-e ou teléfono. O impreso de retirada será asinado polo autor ou autora no momento da súa recollida, nun prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que proceda ningunha reclamación ao respecto.
DÉCIMO TERCEIRA
A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como as decisións do xurado designado, que serán inapelables.”