Imagen Cabecera Común

Os john deeres presentan este sábado no teatro principal o seu último disco, “o círculo das formigas”

Estreouse nun formato íntimo do que puideron gozar algúns convidados e agora chega a oportunidade para o público en xeral, tamén na súa casa matriz, A Estrada. Os John Deeres ofrecen este sábado no Teatro Principal un concerto para presentar o seu último traballo discográfico, “O círculo das formigas”, un álbum que supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que manexaba a banda estradense nos seus anteriores traballos. As entradas están xa á venda no departamento municipal de Cultura, cun custe de 5 euros. O concerto arrancará ás 20.30 horas.
A cabalo entre o hard rock e o sinfónico con achegamentos ao progresivo, “O círculo das formigas” é un disco conceptual. O grupo explica que o álbum está dividido en dúas partes, “Pulso” e “Inercia”, con catro movementos cada unha, de xeito que mesmo se poderían escoitar como dous traballos distintos.
Unha das novidades das que poderá desfrutar o público do Principal vén da man da achega de videocreacións en directo a cargo de Miriam Rodríguez, tamén creadora dos videoclips que acompañan este traballo. A parte gráfica é da autoría do estradense Berto Cardona, que se encargou do deseño e propuxo as dúas partes do disco a xeito de ying e yang na portada e contraportada.
O cuarto disco de Os John Deeres foi gravado entre os estudos Planta Sónica (Vigo), Garaxeland (Santiago de Compostela) e o da propia banda. Preséntase como un retrato emocional do illamento do individuo na sociedade actual.
No tocante ao son, aínda que nin as guitarras nin as claves do hard rock perden protagonismo, Os John Deeres engaden agora sintetizadores que aportan un son máis sinfónico e un certo lirismo. A nivel de sonoridade, o cambio máis evidente é que este é o primeiro disco no que o grupo conta compón, produce e publica coa vocalista Vanessa García. “A pesar de seren unha voz totalmente distinta ás que tiñamos nos anteriores discos, Vanessa ten unha maneira de compoñer e de cantar que se adaptou moi ben á idea que tiñamos para este traballo”, sinalan.

O título
En canto ao título do disco, a banda explica que o nome vén dun movemento que executan as formigas guerreiras, cegas, cando se van seguindo unhas ás outras nas súas expedicións. Cando unha formiga se perde, acaban seguido o seu propio rastro e formando unha espiral á que se suman cada vez máis exemplares, xirando en círculo ata que morren. “Recordounos ao modo de vida actual, que nos leva nunha espiral de traballo e consumo acrítico da que é moi difícil saír. Isto inspirounos o título co que bautizamos un disco conceptual que trata do illamento da multitude, da perda de identidade”, sinalan.

Scroll ao inicio
Ir o contido