O Concello manterá a aposta polas Noites Novas despois do verán
“Despois do éxito que tivo esta primeira edición de Noites Novas, e vendo a demanda que hai, pasado o verán faremos unha nova edición”, dixo este mediodía a concelleira estradense de Cultura, Lingua e Xuventude, Lucía Seoane. A edil fixo esta declaración logo de revisar o balance pormenorizado das actividades que se estiveron desenvolvendo nas noites dos sábados de abril e maio. Avanzou que a idea do Concello é manter este formato “para que colla sona e a xente xa se identifique cos Noites Novas”.
“Na noite que acababa o programa os rapaces enviaron ao meu teléfono un audio pedindo a coro a continuidade das Noites Novas”, confesou Lucía Seoane. Sinalou que o programa permitiu observar a existencia dun “baleiro de espazos de lecer saudables e específicos para a mocidade de entre 12 e 16 anos”, un oco que dende o departamento municipal de Xuventude se buscará encher con novas propostas como as desenvoltas en sábados consecutivos, previsiblemente dende finais de setembro ou comezos de outubro. Asume a titular estradense de Xuventude que esta franxa de idade queda fóra da programación infantil, pero aínda non accede a propostas máis pensadas para adultos, de maneira que conta con poucas alternativas de ocio axeitadas aos seus intereses e necesidades.
O balance do programa Noites Novas, que o Concello da Estrada desenvolveu da man da empresa estradense Anacos Educativos, amosa como máis de 200 mozos se sumaron ás seis convocatorias. “A experiencia do programa demostrou que Noites Novas é unha proposta axeitada, necesaria e ben acollida pola mocidade estradense. As actividades desenvolvidas permitiron ofrecer alternativas de ocio saudable, creativo e participativo, xerando espazos seguros nos que a rapazada puido relacionarse, expresarse e desfrutar do seu tempo libre fóra dos circuítos habituais de consumo”, sinalaron dende Anacos.
En termos de participación, a resposta foi moi positiva, cunha afluencia especialmente elevada nas primeiras sesións e con aforo completo en varias delas. A combinación de actividades máis físicas ou competitivas con outras de carácter máis creativo e expresivo favoreceu a implicación de perfís diversos na primeira edición de Noites Novas.
En termos xerais, o perfil dos participantes situouse na franxa de idade de 12 a 16 anos, con presenza maioritaria de grupos de amizades, aínda que tamén houbo integración de novas relacións entre asistentes. “A participación foi mixta e activa e en todas as sesións se observou un bo clima de convivencia, respecto e colaboración”, destacaron. Púxose asemade o acento en que varios participantes aproveitaron o remate do programa para transmitir o seu interese en que este tipo de propostas teñan continuidade ao longo do ano.