O Concello distribuirá 204.100 euros en subvencións deportivas
O goberno que encabeza Gonzalo Louzao Dono vén de aprobar a creación dunha nova liña de axudas que, xunto coas subvencións anuais a clubs, asociacións deportivas e deportistas federados, suporá destinar un montante de 204.000 euros neste 2025 para o fomento da práctica deportiva no Concello da Estrada. A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao acordo na súa sesión deste luns, aprobando as bases reguladoras das referidas subvencións anuais e incorporando as dunha nova liña destinada a posibilitar que clubs e asociacións deportivas afronten a organización de competicións ou eventos deportivos ao longo deste ano.
“Supón case duplicar as axudas”, apuntou Louzao Dono. “Queremos facilitar que os clubs poidan facer eventos e competicións que axuden, ademais, a fomentar o turismo deportivo no noso municipio”, dixo o alcalde. “Para iso creamos esta nova liña de axudas, coas que as asociacións deportivas locais poidan capitanear e ser anfitrioas na organización de eventos e presumir da Estrada como sede deportiva”, engadiu.
A nova convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva respaldará os eventos deportivos de carácter puntual que poidan ser desenvolvidos no Concello da Estrada entre o 1 de setembro de 2024 e o 31 de agosto de 2025 por entidades ou asociacións deportivas legalmente constituídas, sen ánimo de lucro e que teñan unha repercusión social, económica e turística, ademais de servir como escaparate e promoción da actividade física entre a cidadanía estradense.
Deste xeito, perséguense con esta achega de 100.000 euros a potenciación do deporte, a promoción da práctica deportiva e apoiar as competicións deportivas federadas de interese que as impulsen e eleven, asemade, o nivel competitivo das distintas modalidades, ademais de servir como reclamo para o público afeccionado en xeral.
Poderán solicitar estas axudas clubs deportivos sen ánimo de lucro, asociacións deportivas e entidades do Concello da Estrada. É preciso que estean debidamente federados e inscritos no rexistro oficial correspondente e que as competicións estean reguladas e aprobadas pola federación á que correspondan. As solicitudes terán que ser presentadas no Rexistro Xeral do Concello da Estrada no prazo de 30 días naturais, contados dende o día seguinte da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra.
Ata o 60%
O importe das subvencións calcularase en consonancia cos criterios de valoración establecidos nas bases que agora van ser publicadas. En todo caso, non poderán superar o 60% do orzamento presentado para a competición ou evento deportivo. Os importes máximos de cada categoría serían de 12.000 euros na categoría internacional; 9.000 en categoría nacional; 6.000 na autonómica; 3.000 na provincial e 1.500 euros de máximo na categoría local.
Por outra banda, como cada ano, o Concello da Estrada adquire o compromiso cos deportistas e clubs do municipio, consciente da importancia de fomentar o deporte en todas as súas facetas, dándolle verdadeira importancia á actividade dos clubs na formación de deportistas e ao deporte de base. Partido destas premisas, a administración local publicará agora no BOP as bases da presente convocatoria, en concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións a agrupacións e clubs deportivos sen ánimo de lucro e deportistas federados do Concello da Estrada para a tempada 2024/2025. O importe total desta liña de axudas é de 104.100 euros, dos que un máximo de 4.100 se destinarán a solicitudes formuladas por deportistas federados.
Entre os moitos criterios que contemplan as bases para a concesión figuran o nivel de competición regular do equipo representativo do club na tempada 2024/2025; a participación en campionatos de carácter oficial; o número de licenzas federativas; a formación dos técnicos encargados da formación dos equipos das distintas categorías; participación dos técnicos nos corpos técnicos das seleccións federativas na tempada 2024/2025; licenzas federativas de menores de 18 anos ou licenzas federativas femininas.
Neste caso, os importes máximos das subvencións serían de ata 25.000 euros para clubs en categoría internacional; ata 20.000 para os clubs en categoría estatal; 18.000 para os de categoría autonómica; 14.000 para provincial; 3.000 en comarcal e 1.500 de máximo para deportistas a nivel individual.
Neste caso, as solicitudes poderán presentarse no Rexisto Xeral do Concello, no prazo de 20 días naturais, contados dende o seguinte da publicación das bases no BOP.