O concello axuda ás asociacións a xestionar medio cento de subvencións para mellorar locais sociais no rural
O Concello da Estrada púxose novamente ao servizo das distintas asociacións de veciños e mulleres rurais do municipio para prestarlles asesoramento e acompañalas no proceso de solicitude das axudas que promoven a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia para a execución de obras de reforma e equipamento nos seus locais sociais, emprazados en distintos puntos do amplo rural estradense. Deste xeito, nesta nova convocatoria xestionáronse e presentáronse preto de medio cento de solicitudes de axuda para continuar mellorando as infraestruturas coas que contan os veciños nas diferentes parroquias.
O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, explicou que a meirande parte das asociacións achegáronse ao Concello para recibir orientación ou pedir que a administración lles prestase axuda na presentación do proxecto para optar a estas subvencións. O rexedor quixo agradecer publicamente a implicación amosada pola área técnica de Urbanismo e tamén pola de Emprego para a configuración das correspondentes memorias de actuación e para a tramitación das axudas, tanto ante a institución provincial como perante a administración autonómica. Houbo tamén algún colectivo que recibiu asesoramento , aínda que despois formalizou pola súa conta a solicitude.
O traballo foi moi intenso nas últimas semanas. Porén, ao remate do prazo aberto para cursar as solicitudes de subvención -pechouse este luns- dende o Concello tíñanse xestionadas preto de 40 ante a Deputación de Pontevedra. Apostaron por esta vía asociacións de veciños e mulleres rurais de Cereixo, Sato André de Vea, Santa Mariña de Barcala, San Xurxo de Vea, Lamas, Frades, San Miguel de Barcala, Matalobos, San Xiao de Vea, Baloira, Santeles, Moreira, Liripio, Paradela, dúas asociacións de Callobre, Tabeirós, Nigoi, Ribeira, A Somoza, San Miguel de Castro, Guimarei, San Pedro de Ancorados, Santa Cristina de Vea, Remesar, Loimil, Orazo, Pardemarín, Arca, Parada, Ribela, Vinseiro, Arnois, Toedo, Agar, Berres, Ouzande ou San Pedro de Ancorados.
No tocante ás solicitudes das axudas da Xunta, presentáronse proxectos de actuación para Santo Tomé de Ancorados, Frades, San Xurxo de Vea, Tabeirós, Cereixo, Rubín, Pardemarín, San Xiao de Vea, Paradela, Arca e Santa Mariña de Barcala.
Parroquias como Ouzande, Berres, Riobó ou Cora (asociación de veciños e asociación de mullere rurais) presentaron as solicitudes pola súa conta.
Obra e equipamento
A meirande parte das asociacións piden nesta convocatoria axudas para obras nos seus locais sociais, se ben tamén figura un importante número de solicitudes centradas no equipamento das instalacións existentes, coa intención de incorporar mobiliario ou electrodomésticos, entre outros. Cómpre lembrar que as entidades veciñais non poden optar ás subvencións destas dúas administracións para un mesmo proxecto, pero si é posible que cursen solicitudes de intervención que se complementen.
Na listaxe de subvencións xestionadas figuran parroquias da Estrada dende as que se canalizan dúas peticións para o arranxo e acondicionamento de locais, como pode ser o caso de Callobre ou San Pedro de Ancorados. Non obstante, no se trata dos mesmos inmobles, senón que son casos nos que na mesma parroquia existen espazos diferentes utilizados por asociacións veciñais e mulleres rurais.
Gonzalo Louzao puxo o acento na pretensión do goberno de que o Concello da Estrada poida volver liderar a petición de axudas e, en consecuencia, o investimento da Deputación de Pontevedra para mellorar infraestruturas de uso social nas parroquias, tal e como aconteceu na pasada convocatoria. A institución provincial resolveu favorablemente en 2024 a concesión de 30 subvencións, sendo A Estrada o concello que máis axudas xestionou entre todos os de Pontevedra. A subvención maioritaria facilitada situouse nos 10.000 euros.