Cultura
Menu
Close
Close
PREMIOS GARCÍA BARROS 2011 - 2013
2013 – XXV Edición – 1º Premio
Autor: Anxos SumaiObra: A lúa da colleita“Happy bebía albariño na terraza acompañada de Vidal. Había moita xente esa noite no restaurante, ceando fóra. Persistía a calor da tarde pero atenuada por unha suave brisa que cheiraba intensamente a mar e a pólvora. No peirao estouraban fogos artificiais, que se reflectían vibrantes e coloridos na tona da auga. De cando en vez oíanse murmurios felices e asombrados polo espectáculo pirotécnico. Mesmo Iggy, encirrado pola explosión das bombas, parecía contento e saltaba no aire na procura das charamuscas extraviadas que se apagaban sobre o cantil”.2012 – XXIV Edición – 1º Premio
Autor: Santiago LopoObra: Hora Zulú“De xeito sorprendente, o avaliado decide falar hoxe por primeira vez. Despois de sentar, o interno repítelle ao doutor Penselas con insistencia a súa habitual pregunta: “Que hora é?” A resposta do doutor Penselas, cito textualmente, é: “Nin o sei nin me importa, cona!”. O avaliado bótase a rir e dille: “Así me gusta”. Ante a nosa expresión de incredulidade o paciente continúa: “Non sei como me chamo, nin de onde veño. Non recordo nada. Pero non estou tolo”. Apreciámoslle un lixeiro acento cando fala, case imperceptible e moi peculiar, mais n recoñecemos a súa procedencia. Decidimos actuar con cautela e non alteralo con preguntas persoais. Cando o interrogamos sobre o seu primeiro recordo, dinos: “Estaba mollado e tiña a boca chea de area”. Queremos descubrir se está a gusto na súa cela de illamento pero fica en silencio e empeza a poñerse nervioso. Optamos por terminar a entrevista ás 12.50 horas.Diagnóstico: Amnesia retrógrada. Posible demencia”.2011 – XXIII Edición – 1º Premio
Autor: Antonio Piñeiro
Obra: As Fiandeiras
“A calor remontaba o día, o tempo quieto, abrasado. Duraba xa semanas. O chan quedara seco, cuberto de insectos, agónico ou baleiro, igual que a vila que, como todo o país naqueles días, era como unha cuncha pululada de nenos, anciáns, fume e rodadas de carruaxe. Un eco de lume, látego e azoute.As cuadrillas de nenos e as parellas de anciáns paseaban, arriba e abaixo, polas rúas, ollando rutineiramente o discorrer do río, as xunqueiras, o horizonte, cos seus acenos atacados de dúbida ou de súplica, en espera dos acontecementos. Unha paisaxe de formas desleigadas e corpos francos, mans negras, grandes pupilas, sombreiros de palla ou de xoio, pés deformados e medo; aquel medo irreal, de morte fácil, de leva e predestinación. O batallón, logo de asegurar a bisbarra de Tabeirós e o Deza, recibira orde de ir cara Betanzos, onde os proclamantes estaban a piques de dar o paso, deixando na Estrada un pelotón de retén, en conivencia cos leais e as restituídas forzas da orde”.