Concello da Estrada

Cultura

PREMIOS GARCÍA BARROS 2008 - 2010

2010 – XXII Edición – 1º Premio

Autor: Antón LopoObra: Obediencia“Mácara excítase do seu propio discurso. “O azar non existe porque no azar non hai sentido, pero é posible decidir contextos difusos. Os números manifestan o ritmo na entropía do sistema e a velocidade á cal se crea información”. “Segue polos vieiros dogmáticos. Aí comezou a súa paranoia”. “A solución á Incógnita de Córgomo reside nas dilatacións antecipatorias”, e cruza as pernas. Apoia o barbarote nos cotenos, “Vostede elixiu a súa coordenada, o 0919, e eu podo tracexar a súa dilatación. Sei cal é o seu futuro inmediato”, e Bas, sen poder reprimir un pouso de agrado, dabotoa a chaqueta, “Déame a proba de que o sabe”. “Tena diante”. “Non me tome o pelo. ¿Crese acaso unha elixida, unha profeta, unha vía de luz? ¡Está máis louca do que imaxinaba!” “Non está só, Bas. No seu interior, habita unha voz que o induce a tomar decisións e hoxe tomará unha decisión que cambiará a súa vida. É unha voz que o acompaña desde hai exactamente doce anos.O microvisor de Bas deixa de proporcionarlle datos e emprende unha transmisión de algoritmos incomprensibles”.

2009 – XXI Edición – 1º Premio

Autor: Xosé MonteagudoObra: Un tipo listo“Xa non o recordo. Pero non ten ningún interese para o caso. Podía ser a licenza para construír unha casa, o permiso para facer un cerrume ou a autorización para levantar un alboio en terreo do común. Nin sequera importaba demasiado o rendido pola acción. O punto crítico do asunto estaba en que o veciño de Forcarei que pretendía facer a obra presentárase no concello e a cambio do permiso que solicitaba ofrecéralle a teu pai unha certa cantidade de diñeiro. E resulta que teu pai rexeitouna, completamente escandalizado. Non só iso. Durante aquel xantar incluso pretendía convencerme a min  que esa era a maneira correcta de proceder. Dáste conta? O seu xesto conspiraba directamente contra o Sistema. Tívenllo que dicir así de claro. O que ti es é un comunista que pretende destruír o Sistema desde dentro, díxenlle. Entón el quedou calado, atemorizado polas miñas palabras. Pero no fondo non estaba convencido.-E convenceuno?-Coido que si. Daquela pregunteille se consideraba que o seu tempo valía cartos”.

Scroll al inicio
Ir al contenido