Acendido solidario das luces de Nadal este venres
A Estrada volverá a escribir este ano o seu propio conto de Nadal durante o acendido das luces que vestirán de cor as rúas da capital municipal para estas festas, contribuíndo a incrementar o tirón que as celebracións teñen entre veciños e visitantes. Se o goberno que encabeza Gonzalo Louzao estreou o pasado ano un acto de acendido do alumeado de Nadal cos nenos da Estrada como protagonistas principais, neste 2025 manterase esta mesma liña pero incorporándolle a solidariedade como pano de fondo.
O Concello quixo que a chegada do Nadal á Estrada, o vindeiro venres 5 de decembro, se acompañe dunha campaña solidaria a prol de Asanog, asociación que axuda a mellorar a vida de menores afectados por cancro en Galicia.
Deste xeito, serán varios nenos de familias da Estrada coas que colabora Asanog os que pulsen o botón que fará brillar o Nadal en todas as rúas. O momento chegará arredor das 19.30 horas na Praza da Constitución, se ben dende unha hora antes xa se deixará sentir a maxia destas festas co séquito de A Rombos no Nadal, un amplo pasarrúas formado por músicos, zancos e animadores, que percorrerán a zona peonil dende as 18.30 e a encherán de ambientación.
Ao pé do consistorio esperarán por eles Os Bolechas, que tamén se sumarán a este particular conto estradense de Nadal. No momento de premer o botón, a Praza da Constitución quedará completamente a escuras para acentuar a sorpresa posterior de que sexa a decoración das festas a que ilumine o espazo, comezando pola fachada do Concello, o photocall, o palco da música ou a propia árbore de Nadal de 15 metros de altura.
Cando se estree a iluminación festiva, os canóns dispararán confetti e a Banda Escola da Banda Municipal da Estrada tomará o relevo na ambientación, interpretando catro pezas dun coñecido repertorio de Nadal.
Con todos os centros educativos
Tendo en conta o desexo de que os nenos sexan protagonistas, o Concello da Estrada buscará a implicación e participación dos alumnos de todos os centros educativos do municipio, tanto para que sexan eles os primeiros en gozar da chegada destas festas destacadas como para que compartan o cariz solidario que se lle quere imprimir este ano á chegada desta maxia.
Así, haberá un posto de Asanog no que todos os asistentes poderán facer chegar os seus donativos para respaldar o traballo tan importante que realiza esta asociación, tanto en favor dos nenos e nenas afectados polo cancro como para as súas familias.
Nesta mesma liña, aqueles que acudan ao acendido das luces de Nadal poderán sumarse á chocolatada solidaria, aportada polo Concello pero coa intención de que as persoas que recollan a súa bebida quente nesta tarde poidan realizar unha achega, por pequena que sexa, para contribuír á gran axuda que presta Asanog para familias da Estrada e de toda Galicia.