Xunta de Galicia convoca axudas para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D e para a realización de cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de dúas liñas de axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IF310G) e aprobar a convocatoria para o ano 2026:

a) Liña 1: subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de ampliación ou promoción dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

b) Liña 2: subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 E D1+E. 2.

O período subvencionable para ambas as liñas será do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026.

Contía máxima da axuda

Para a liña 1, o importe máximo que percibirá cada alumno será de 1.200 €, para a obtención do certificado de aptitude profesional (CAP) e de 300 € para obtención do CAP na modalidade de ampliación ou promoción, para aqueles alumnos que xa tivesen o certificado nunha categoría e que lles sirva para obtelo noutra.

Para a liña 2, a contía máxima para os custos de matrícula e clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E, será de 1.200 € por permiso de condución. No suposto de obter varios permisos de condución, da mesma ou de distinta clase, o importe máximo subvencionable será de 2.400 €.

Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude:

a) Ter feitos os 18 anos.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (31 de outubro de 2025) e continuar empadroadas ininterrompidamente ata a data da resolución.

c) Para a liña 1, ter realizado e superado o/s curso/os para a obtención do certificado de aptitude profesional durante o período subvencionable (do 31 de outubro de 2025 ao 30 de setembro de 2026). De conformidade co artigo 3.4 desta orde, a data que se terá en conta como de superación do curso CAP será a data de finalización do curso que figure na aplicación CAP do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, sempre que a formación figure como superada.

Para a liña 2, ter obtido o/os permiso/s de condución das clases C, C+E, C1, C1+E, D, D+E, D1 e D1+E, durante o período subvencionable.

d) Ter pagado as facturas dentro do período subvencionable. Este pagamento debe estar debidamente documentado, tal e como se establece no artigo 11 desta orde

e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.

Para a liña 1, cada persoa beneficiaria só poderá obter unha vez a axuda, agás no suposto de que, tendo obtido o CAP para transporte de mercadorías ou de viaxeiros, pretenda optar á obtención do CAP para a outra actividade, respectivamente, mediante a superación da formación de ampliación ou promoción, suposto no cal tamén poderá obter esta segunda axuda por unha única vez.

Para a liña 2, cada persoa beneficiaria poderá obter a axuda por cada un dos permisos de condución que obteña durante o período subvencionable co límite máximo que sinala o artigo 4.2 desta orde.

As persoas beneficiarias poderán obter as axudas das liñas 1 e 2 de xeito acumulativo co límite máximo de 3.900 €, de conformidade co disposto no artigo 4.2 desta orde.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do sétimo día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará ás 20.00 horas do día 30 de setembro de 2026.
https://www.emprego.aestrada.gal/index.php/categorias/10502-xunta-de-galicia-convoca-axudas-para-a-obtencion-dos-permisos-de-conducion-das-clases-c-e-ou-d-e-para-a-realizacion-de-cursos-para-a-obtencion-do-certificado-de-aptitude-profesional

Scroll ao inicio
Ir o contido