O xurado encargado de fallar o Premio Honorífico ao Labor das Mulleres da Estrada neste 2026 reuniuse na noite do martes para abordar as candidaturas presentadas. Logo da análise e do debate, adoptouse a decisión unánime de conceder este ano o galardón ás irmás Pilar, Ana e Marga Porto Carballo, hostaleiras estradenses que durante décadas estiveron á fronte do negocio familiar A Bombilla, un referente local localizado no número 5 da Praza de Galicia.
A candidatura chegou da man da Asociación Fillos e Amigos da Estrada, co propósito de que se recoñeza a longa traxectoria destas irmáns e do restaurante aberto nos anos 40 polos tíos destas tres estradenses (Erundina Campos e Suso Porto) e que logo herdarían seus pais, Julio Porto e Lola Carballo. Aquela taberna habería de converterse, xa na década dos 60, no Hostal A Bombilla.
As tres irmáns continuaron co negocio familiar, sendo Pilar a primeira en incorporarse ao mesmo. Ao longo das últimas décadas fixeron del un referente indiscutible na hostalería local, atraendo á clientela pola súa comida caseira e por seren especialistas nalgúns dos pratos máis representativos da gastronomía estradense, como é o caso do salmón. O seu saber facer logrou unha carteira de clientes habituais e tamén garantiu seren unha recomendación habitual para os visitantes.
O recoñecemento a Pilar, Ana e Marga Porto Carballo co Premio Honorífico ao Labor da Muller chega tamén nun ano de cambio neste negocio estradense, xa que A Bombilla pecha as súas portas como restaurante e continúa unicamente como hostal.
O Premio Honorífico ao Labor das Mulleres da Estrada entregarase nun acto público convocado o propio domingo 8 de marzo, Día da Muller, no MOME. Será ás 19.00 horas, nun acto que estará conducido pola xornalista estradense Laura Filloy Martínez.