Deseñan a primeira Feira de Emprendemento da Estrada
Levan traballando xuntos dende hai case un ano e agora queren valorizar e facer visible esta experiencia e iniciativa compartidas. O Club de Emprendemento Deza-Tabeirós, impulsado por Acción contra a Fame e o Concello da Estrada, reuniuse esta mañá no consistorio estradense para avanzar no deseño da que será a primeira Feira de Emprendemento da Estrada, un evento que se prepara con vistas ao vindeiro mes de maio.
O Club de Emprendemento naceu na Estrada como un espazo novo con vontade de encontro para persoas emprendedoras da comarca, empresas, entidades sociais e todos aqueles que apostan polo emprendemento como motor de dinamización dun territorio eminentemente rural. Nestes momentos a agrupación reúne a 25 emprendedores e continúa medrando.
Con reunións semanais, algúns dos participantes neste club sinalaron hoxe que a experiencia está resultando “moi positiva e moi útil”, converténdose nun foro axeitado para compartir experiencias, inquedanzas e tamén “medos”. Unha das cuestións más salientables das expostas nesta sesión de hoxe é que, á par, tamén xorden sinerxías entre os participantes, de xeito que os negocios polos que apostaron están atopando puntos de confluencia e colaboración.
Agora, este colectivo quere sacar á rúa a importancia do emprendemento como saída laboral e a propia experiencia que está xerando este club estradense. Para iso, os seus integrantes promoven, en convenio co Concello da Estrada, un certame de dous días de duración, inicialmente proxectado na Praza da Constitución.
Dúas xornadas
Pendentes de confirmar localización e datas, a pretensión é que a Feira do Emprendemento se celebre en xornadas de venres e sábado, buscando que na primeira delas haxa unha aposta decidida por abordar o emprendemento dende unha perspectiva multidisciplinar. Neste senso, unha das propostas sobre da mesa sería convidar a centros de ensino e administracións, analizando saídas profesionais da man do emprendemento ou programas que o impulsan, entre outras cuestións.
De igual xeito, os promotores deste certame teñen en mente a organización de actividades, charlas, xogos e dinámicas que permitan visibilizar os proxectos dos emprendedores locais e que axuden á reflexión sobre o emprendemento como alternativa para adentrarse e medrar no mundo laboral.
A feira tamén estaría aberta á participación de asociacións con participación económica e entidades especializadas no emprendemento, se ben a filosofía que se lle quere imprimir ao evento é que se converta nun escaparate accesible ao conxunto da poboación, no que a iniciativa empresarial e laboral que xorde da man dunha idea de negocio teña o protagonismo que merece.
Os negocios que conflúen no Club de Emprendemento Deza-Tabeirós son moi variados, dende asesoramento para o aforro familiar a obradoiros de mindfulness, pasando por cosmética natural, deseño gráfico, roteiros fotográficos ou iniciativas de corte turístico.
Axudas
Dende este club tamén se puxo hoxe o acento en que, valorando experiencias doutros municipios, na Estrada os emprendedores teñen un importante acompañamento institucional, con “apoio directo e indirecto”. Ademais do asesoramento que se fai dende o departamento municipal de Emprego, o Concello da Estrada leva anos acompañando economicamente aos emprendedores locais nos seus primeiros pasos.
Neste senso, dende o ano 2011, estas achegas para favorecer o emprendemento no ámbito estradense axudaron xa a máis de 300 proxectos empresariais. A axuda media outorgada nestes anos sitúase por encima dos 1.000 euros, podendo aspirar os solicitantes a un máximo de 2.000. Son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa.