Imagen Cabecera Común

Abren ao tráfico Rúa San Paio e Rúa 56

Tal e como anunciou dende o minuto un o goberno local, as obras na Praza de Galicia e a súa contorna despexarán dende hoxe mesmo esta céntrica zona do casco urbano para a celebración das festas de Nadal. Deste xeito, a Rúa 56 e a Rúa San Paio quedarán esta tarde abertas novamente ao tráfico, cos sentidos circulatorios habituais en ámbalas dúas vías.

Dende o inicio do traballos, o pasado mes de outubro, o goberno que encabeza Gonzalo Louzao sempre puxo o acento no desexo de deixar para despois das festas a actuación na Praza de Galicia propiamente dita, ao obxecto de non entorpecer a principal campaña comercial do ano e de garantir que as obras non supoñan un atranco para o desenvolvemento de eventos tan significativos para o conxunto da cidadanía como as tradicionais cabalgatas de Papá Noel (24 de decembro) e Reis (5 de xaneiro), para as que o paso por esta praza resulta estratéxico.

Dende esta tarde, a nova situación manterase durante todas as festas, momento no que as obras quedarán tamén momentaneamente paradas polo descanso vacacional dos operarios. A previsión é que os traballos se retomen o 12 de xaneiro. A partires desa data, o avance na execución irá motivando cambios circulatorios dos que se irá informando puntualmente.

Sentido habitual

Dende a Xefatura da Policía Local da Estrada confirmouse esta mañá que o restablecemento do tráfico nas Rúas 56 e San Paio acomodarase ao sentido circulatorio habitual nestas rúas, podendo subir pola Rúa 56 cara a Praza de Galicia e tamén acceder á Rúa San Paio para continuar cara Figueiroa. Tamén se poderá circular cara a Rúa do Cruceiro dende a Praza de Galicia.

De igual xeito, dende a Avenida Benito Vigo volverá ser posible enlazar coa Praza de Galicia a través da Rúa Pérez Viondi, continuando cara San Paio ou Rúa Peregrina.

Continúa o corte en Marqués de la Vega de Armijo

A que continuará cortada é a Rúa Marqués de la Vega de Armijo, permitíndose o acceso aos garaxes desta vía dende a Praza da Inmaculada (e sentido contrario ao permitido habitualmente).

Evidentemente, polo primeiro tramo da Rúa Don Nicolás non se poderá circular, unha cuestión que se manterá no tempo, tendo en conta que esta vía pasará a ser peonil.

Na confluencia entre as rúas 56 e San Paio quedará unha zona de acopio do material de obra, xusto no illote no que antes estaba instalada a escultura dedicada á Rapa das Bestas.

Transporte público

Por outra banda, a apertura ao tráfico desta zona tamén comporta novos cambios para o transporte público dende esta mesma tarde. Deste xeito, a parada de taxis volverá ao seu lugar habitual na Praza de Galicia (a carón do Hostal A Bombilla) e o servizo de autobús volverá subir pola Rúa 56 para a parada de viaxeiros na praza que os estradenses bautizan oficiosamente como A Farola.

Scroll ao inicio
Ir o contido