Novos desfibriladores en servizos municipais
O Concello da Estrada continúa elevando a súa aposta pola cardioprotección nas instalacións e servizos municipais. O departamento de Sanidade, área que dirixe o concelleiro Óscar Rancaño, instalou un Desfibrilador Externo Semiautomático (DESA) na Casa das Letras, moi preto da casa consistorial, e sendas unidades móbiles para seren empregadas nos vehículos da Policía Local e Emerxencias A Estrada.
Coa súa localización na Casa das Letras, o dispositivo queda emprazado nun lugar moi céntrico, converténdose nun recurso ao que calquera cidadán podería acceder ante incidencias que se poidan producir na rúa, no entorno da alameda, na Praza da Constitución ou nas vías máis próximas, por exemplo. A cercanía súmase ao horario amplo do servizo, tendo en conta que estas instalacións municipais están abertas ao público en horario de mañá e tarde (de 09.00 a 14.30 e de 16.00 a 21.30) e que os sábados tamén teñen acceso de 10.00 a 13.00.
No tocante ao equipo asignado á Policía Local, o desfibrilador ten un carácter móbil e estará incorporado ao vehículo que sempre se atopa na quenda de patrulla, de xeito que a unidade que estará percorrendo o casco urbano estará equipada con este material. O mesmo sucede coa incorporación ao parque móbil de Emerxencias A Estrada.