A experiencia do coche compartido está complemente implantada no día a día do Concello da Estrada. A alcaldesa en funcións, Amalia Goldar, o xerente de Hyupersa, Sergi Sánchez, e o axente de Hyundai na Estrada, Víctor Louzao, presentaron este mediodía un novo vehículo para o programa Vive, un servizo de carsharing rural co que A Estrada se está revelando como “o municipio de España con máis quilómetros percorridos, e con diferencia”.
O dato aportouno Sergi Sánchez, que precisou que nestes momentos son máis de 300 os usuarios rexistrados no municipio para empregar este vehículo eléctrico de xeito compartido. “Na Estrada os usuarios non só se manteñen senón que van subindo paulatinamente. Iso demostra que é un sistema que funciona e que é de utilidade para os veciños”, sinalou o representante de Hyupersa. Engadiu que son, ademais, usuarios que repiten a experiencia de reservar e conducir este coche para as súas xestións.
Uso cívico
Goldar aproveitou a ocasión para facer “un chamamento ao civismo”, pedindo aos usuarios do coche compartido que coiden del e o empreguen axeitadamente. “É algo que está para todos e todos temos que coidalo. Hai un servizo de mantemento semanal deste vehículo pero as persoas que o utilizan teñen que deixalo, polo menos, como o atoparon”, sinalou. “En todos estes anos de uso van saíndo anécdotas puntuais e digamos que é un coche que o van collendo moitos veciños e que, aínda que se fai un uso correcto en xeral, sempre hai que pensar que vén outro usuario detrás”, sinalou o xerente de Hypersa nesta mesa liña.
O novo vehículo aportado hoxe mantén o modelo do anterior, cambiando a cor. É un Hyundai Inster 100% eléctrico, con 350 quilómetros de autonomía en estrada e uns 400 circulando por casco urbano. Para empregalo é preciso darse de alta na aplicación Vive Hyundai, cumprimentando o cuestionario e aportando a documentación que se require. En canto á tarifa por uso, é de 5 euros por hora, cun prezo máximo de 20 euros no caso de que o usuario o alugue para todo o día.