Imagen Cabecera Común

Xunta de Galicia convoca axudas para a realización de cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción así como para a obtención dos permisos de condución das C e/ou D

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, XUSTIZA E DEPORTES

ORDE do 28 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a realización dos cursos para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade de ampliación ou promoción, así como para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D, para a incorporación de condutores/as profesionais ao mercado laboral, así como para a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se convocan para o ano 2025 (códigos de procedemento IF310F e IF310G).

A orde conta con dúas liñas de axuda:

Liña 1: subvencionar os cursos realizados coa cualificación de apto, para a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e/ou de «ampliación ou promoción», dos condutores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, para o exercicio da actividade de condutor/a profesional de determinados vehículos destinados ao transporte de mercadorías ou de viaxeiros por estrada.

Liña 2: subvencionar a obtención dos permisos de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E.

O período subvencionable para ambas as liñas será do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

Poderán solicitar as axudas as persoas físicas que cumpran os seguintes requisitos na data de presentación da solicitude.

a) Ter 18 anos.

b) Estar empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia con anterioridade ao inicio do período subvencionable (30 de outubro de 2024). As entidades adheridas poderán requirirlle á persoa interesada a xustificación deste feito mediante a xustificación oficial de empadroamento.

c) Para seren persoas beneficiarias da liña 1, terán que ter realizado e superado o curso para a obtención do certificado de aptitude profesional. Deberán intentar superar o exame CAP e presentarse, no prazo dun ano desde o remate do curso, a un mínimo de catro convocatorias de exame, salvo que superen o dito exame nas convocatorias anteriores. Non se exixe a superación do exame CAP, pero si a presentación a este polo menos en catro ocasións. En caso contrario, deberán reintegrar o 20 % da axuda recibida.

Para seren persoas beneficiarias da liña 2, deberán obter o/s permiso/s de condución das clases C, C1, C1+E, C+E, D, D1, D1+E durante o período subvencionable.

d) Ter aboado o importe do curso e os custos de matrícula e as clases de condución para a obtención do permiso de condución das clases C e/ou D.

e) Cumprir os requisitos xerais establecidos no artigo 11 e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O cumprimento destes requisitos acreditarase mediante a declaración responsable recollida no formulario de solicitude.

As contías máximas que se van subvencionar por alumno establécense tomando como referencia o custo medio dos cursos e da obtención dos permisos de condución.

Na liña 1, fíxase unha contía máxima para subvencionar por alumno para o curso de cualificación inicial, de mercadorías ou de viaxeiros e na modalidade ordinaria ou acelerada de 1.200 €, e o curso de «ampliación ou promoción», para os que xa teñen a cualificación inicial nunha das dúas categorías e desexan obter a outra, nun importe de 300 €.

Na liña 2, fíxase a contía máxima para subvencionar por alumno para a obtención dos permisos de condución das clases C e/ou D de 1.200 €. No suposto de que soliciten as dúas liñas, o importe máximo subvencionable será de 3.900 € por alumno.

O período subvencionable comprende do 30 de outubro de 2024 ao 30 de outubro de 2025.

Entidades colaboradoras

Para os efectos desta orde, poderán ser entidades colaboradoras as empresas autorizadas como centros de formación CAP, para impartiren os cursos de formación inicial, polas administracións públicas competentes para o outorgamento de autorización de transporte público, que se denominarán «empresas CAP», e as autoescolas que outorguen a formación e as prácticas correspondentes para a obtención dos permisos de condución C e/ou D.

As «empresas CAP» e as autoescolas deben ter o seu domicilio social ou unha sucursal aberta na Comunidade Autónoma de Galicia e acreditar as condicións de solvencia técnica e económica establecidas na orde.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 1 de outubro de 2025 e finalizará o 30 de outubro de 2025, ou cando se esgoten os fondos.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250813/AnuncioG0759-290725-0001_gl.pdf

Scroll ao inicio
Ir o contido