Imagen Cabecera Común

Cambios no carga e descarga do primeiro tramo da Rúa Iryda

O Concello da Estrada vén de modificar o funcionamento dunha zona de
carga e descarga na céntrica Rúa Iryda coa intención de favorecer
o descanso nocturno dos residentes. Despois de recibiren queixas dos
veciños desta zona do casco urbano, representantes do goberno
estradense e da Policía Local mantiveron unha reunión con persoal
da firma Vegalsa, á que pertence o supermercado emprazado no
arranque desta rúa. O entendemento foi a tónica imperante nestas
sesións, que remataron coa modificación dos horarios nos que se
efectúan os traballos de descarga de mercancía.

A solución foi ampliar o horario no que opera a carga e descarga na
primeira parte da Rúa Iryda. Ata o de agora, esta zona estaba
marcada para estes traballos entre as 08.00 e as 13.00 horas pola
mañá e de 16.00 a 20.00, polas tardes. Sen embargo, os camións
efectuaban durante a madrugada a descarga dos palés para abastecer
os andeis deste supermercado. O habitual era que se realizase entre
as 05.00 e as 06.00 horas, sendo inevitable o ruído asociado. Os
veciños trasladaron ao Concello en sucesivas ocasións o seu
malestar ante a interrupción do descanso nocturno.

A iniciativa do goberno local foi poñerse directamente en contacto con
Vegalsa, empresa na que fontes municipais aseguraron hoxe teren
atopado total colaboración dende o primeiro minuto. A solución
proposta pola xefatura da Policía Local foi solicitar o cambio
horario dos labores de carga e descarga da man dunha ampliación no
espazo temporal no que se reserva a zona de estacionamento para esta
finalidade. Deste xeito, agora a carga e descarga está marcada de
08.00 a 13.00 e de 16.00 a 23.00 horas. A esta última hora está
garantido o remate das descargas de mercadorías. 

Levar o abastecemento ata este supermercado esixe entre 60 e 90 minutos. Segundo indican, o habitual agora é que este traballo arranque co peche do establecemento, arredor das 21.30 .

A sinalización destes cambios horarios xa foi incorporada a pé de rúa, despois de que a nova regulación entrase en funcionamento na pasada semana.

Scroll ao inicio
Ir o contido