XXXVIII Edición do Premio de Novela Manuel García Barros
O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Excmo. Concello da Estrada en colaboración coa Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Galaxia convoca o XXXVIII PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), cunha dotación económica de 9.000 euros, que se rexerá polas seguintes:
BASES
Primeira
Poderán concorrer ao premio autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten os orixinais escritos, acordes coa normativa oficial vixente en lingua galega, agás os gañadores das últimas 5 edicións. Os textos presentados deberán ser inéditos e totalmente orixinais.
Segunda
Os orixinais serán presentados por quintuplicado en papel tamaño folio ou en holandesa, mecanografados a dobre espazo e encadernados en espiral, acompañadas dun CD ou pendrive no que se incluirá a obra en formato PDF, antes do 31 de xaneiro de 2026 na Casa do Concello, Praza da Constitución, 1 – 36680 A Estrada (Pontevedra).
Terceira
Con cada orixinal que deberá ser presentado baixo lema, xuntarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor ou autora, así como o título da novela.
Presentarase na plica unha declaración xurada conforme están ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non están incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.
A orixinalidade da obra e a súa autoría xustificarase mediante unha declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos e que ademais non se empregou ningunha clase de IA xenerativa na súa realización.
Cuarta
O premio terá unha dotación económica de 9.000 euros que se outorgará indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan.
O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2025, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2026, en concreto, na aplicación orzamentaria 2026/01/330/48100 con data límite o 31/12/2026.
As persoas premiadas deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, coa Seguridade Social e co Concello da Estrada.
Quinta
O xurado estará composto por cinco membros escolleitos entre recoñecidos persoeiros do mundo da cultura actuando un deles como secretario/a a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio concederase por maioría de votos.
A resolución será notificada ao interesado antes de 01/12/2026.
Criterios de valoración:
- Calidade literaria da obra presentada, en especial, trama, ritmo narrativo e creación de personaxes.
- Orixinalidade e valor cultural da proposta, valorando achegas innovadoras dentro da narrativa galega actual.
- Calidade e coidado da lingua empregada, adaptada á trama e ao estilo.
Sexta
As presentes bases publicaranse na web municipal http://www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.
O extracto da convocatoria publicarase na BDNS e posteriormente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
Sétima
A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.
Oitava
Unha vez emitida a resolución do xurado, procederase á apertura da plica gañadora nun acto público.
Novena
O premio poderá ser declarado deserto.
Décima
O acto de entrega do XXXVIII Premio de Novela “Manuel García Barros” anunciarase oportunamente.
Undécima
O Concello resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada en todas as linguas do Estado, en formato físico e dixital. O autor ou autora renuncia á remuneración da primeira edición en papel. A obra será publicada por Editorial Galaxia.
Duodécima
O procedemento de instrución e resolución levarase a cabo no Departamento de Cultura. Os textos non premiados poderán ser retirados mediante solicitude no prazo de 15 días tras a comunicación do xurado; pasado ese prazo serán destruídos.
Décimo terceira
A subvención é compatible con outras axudas ou ingresos para a mesma finalidade.
Décimo cuarta
A presentación ao premio implica a aceptación total destas bases e das Bases de Execución do Orzamento.