Imagen Cabecera Común

XXX Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares

Descargar bases en pdf

O Concello da Estrada, comprometido e sensibilizado co proceso de creación cultural, desexan contribuír á difusión da lírica galega e, ao tempo, servir como estímulo para que novos autores e autoras percorran o complexo e, en ocasións, pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.

Do mesmo xeito, tamén se pretende perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.

Por último, e non menos importante, búscase colaborar coa divulgación da vida e da obra da poeta estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

B A S E S

Primeira

Poderán concorrer ao premio todas as persoas autoras, agás os gañadores das últimas cinco edicións, de calquera nacionalidade, que presenten os orixinais escritos en lingua galega acorde coa normativa oficial vixente. Os textos presentados deberán ser inéditos.

Segunda

Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD ou pendrive, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Deberanse remitir, antes do 31 de xaneiro de 2026, ao seguinte enderezo: XXX Premio de Poesía Avelina Valladares, Concello da Estrada, praza da Constitución, 1, 36680 A Estrada, Pontevedra.

Terceira

Con cada orixinal, que se deberá entregar baixo lema, xuntarase nun sobre pechado o nome completo, a copia do DNI, o enderezo e o teléfono do autor ou autora.

Presentarase na plica unha declaración xurada en que se indique que a persoa que concorre ao premio está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, que non está incursa na prohibición da percepción de obrigas públicas e, en xeral, que cumpre os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A orixinalidade da obra e a súa autoría xustificarase mediante unha declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos e que ademais non se empregou ningunha clase de IA xenerativa na súa realización.

Cuarta

A dotación económica será de 2.000 €, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan.

O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2025, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2026, en concreto, na aplicación orzamentaria 2026/01/330/48100 con data límite o 31/12/2026.

As persoas premiadas deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, coa Seguridade Social e co Concello da Estrada.

Quinta

O xurado estará composto por cinco membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura. Cada un dos grupos políticos representados na corporación propoñerá un membro. Contará tamén cun/cunha secretario/a, con voz e voto, en representación do Concello da Estrada. O premio entregarase por maioría de votos.

A resolución será notificada ao interesado antes do 01/12/2026.

Na valoración das obras presentadas o xurado terá en conta os seguintes criterios:

  • 1.º Calidade literaria da obra presentada: ritmo, musicalidade, riqueza de imaxes e profundidade da mensaxe.
  • 2.º Orixinalidade e valor cultural, especialmente no panorama actual da narrativa galega.
  • 3.º Calidade e coidado da lingua empregada.

Sexta

A composición do xurado darase a coñecer oportunamente.

Sétima

Unha vez emitida a resolución do xurado, abrirase a plica gañadora nun acto público que se anunciará oportunamente.

Oitava

As presentes bases publicaranse na web municipal, na app do Concello e nas redes sociais.

O extracto publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS) e posteriormente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Novena

O Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, compensando ás persoas autoras con exemplares do volume. De publicarse a obra, deberase mencionar o premio.

Décima

O procedemento de instrución levarase a cabo no Departamento de Cultura. Os textos non premiados poderanse retirar nun prazo de 15 días solicitando cita previa. Pasado ese prazo serán destruídos.

Undécima

A subvención é compatible con outras axudas ou recursos destinados á mesma finalidade.

Duodécima

A presentación ao premio implica a aceptación total destas bases.

Scroll ao inicio
Ir o contido